Propostas de rock progresivo, electrónica ou folk optan ao premio Narf de música

Propostas de rock progresivo, electrónica ou folk optan ao premio Narf de música
Xurado concurso de grupos musicais Narf.
Xurado concurso de grupos musicais Narf.  

O rock progresivo de vontade punk de Igmig, os experimentos coa voz e o loop de Mounqup, a electrónica cadrelada con poesía oral de Cintaadhesiva, o proxecto individual de Néstor Pardo -ex da banda de rhythm & blues The Allnight Workers- e o folk de Samarúas son as cinco propostas que esta sexta feira, na sala Malatesta de Compostela, optan ao premio Fran Pérez Narf convocado pola Deputación da Coruña.


Un xurado composto por MJ Pérez, Aída Saco, Sergio Tannus, Uxía e Ánxela Baltar -guitarra e vocalista de Bala, o dúo de stoner rock que gañou a pasada edición do certame- e presidido pola vicepresidenta do ente provincial Goretti Sanmartín decidirá o palmarés, dotado economicamente. “Será tamén unha homenaxe a Narf, un artista que abriu camiños para a renovación que cadra con este premio que busca recoñecer a música emerxente en calquera dos estilos”, explica esta última.

 

As entradas para a gala, que comezará ás oito do serán, pódense adquirir de balde até completar aforo na tenda da Reixa de Santiago de Compostela e na propia Malatesta, a antiga Sala Nasa á que tan vencellado estivo Narf. 



x