Publícase ‘Os papeis do vello mariñeiro’, obra póstuma de Neira Vilas

Publícase ‘Os papeis do vello mariñeiro’, obra póstuma de Neira Vilas
Xosé Neira Vilas
Xosé Neira Vilas  

A editorial Bolanda vén de publicar ‘Os papeis do vello mariñeiro’, máis de 60 historias de mariños mercantes galegos que Xosé Neira Vilas recompilou e deixou inéditas. 


Nela o autor dálle voz a un navegante galego alén mar: un personaxe dunha aldea do interior de Galicia, labrego, fillo e neto de labregos, que ao morrer deixa nun pallal esquecidos moitos dos recordos da súa vida de navegante.

 

Esta obra póstuma Neira Vilas ofrece, a través de entretidos contos e do personaxe do vello mariñeiro, unha clarificadora visión dun mundo moi descoñecido: o dos mariñeiros que pasan longas tempadas en alta mar percorrendo lugares do máis diverso e coñecendo países, xentes e culturas ben diferentes á propia. Experiencias que conforman unha forma de ser moi particular e que o autor transcribe nestes “papeis” póstumos para que poidamos coñecer mellor o vello mariñeiro galego e as súas peripecias polo mundo adiante nun tempo non moi afastado pero ben diferente ao actual.

 

A publicación intégrana máis de 60 relatos acompañados de cadansúa ilustración de Alberto Fernández, autor tamén da imaxe da capa. Trátase do sexto título do autor editado por Bolanda, tras 'Xosé Neira Vilas: Memoria Gráfica' (2013), 'Díaz Pardo. Crónica dunha fecunda amizade' (2014), 'Semente Galega en América' (2015), 'Contos vellos para rapaces novos' e 'Quique na aldea' (2016).



x