40 ANOS DA PUBLICACIÓN DE 'DOS ANXOS E DOS MORTOS'

O radicalismo discreto de Anxo Rei Ballesteros

O radicalismo discreto de Anxo Rei Ballesteros
Imaxe de Anxo Rei Ballesteros nunha entrevista televisiva logo de publicar 'Loaira' en 1993. Foto: cedida
Imaxe de Anxo Rei Ballesteros nunha entrevista televisiva logo de publicar 'Loaira' en 1993. Foto: cedida  

A literatura é, tamén, un síntoma da historia. As marcas da febre xerada polos acontecementos. O rexistro inconsciente, ou non, do conflito político. Traballos perdidos da linguaxe. Todos estes factores, e outros moitos, confluíron hai 40 anos en Dos anxos e dos mortos, a primeira novela de Anxo Rei Ballesteros (Boqueixón, 1952- A Coruña, 2008) e unha das novelas chave da transición ao posfranquismo en Galiza.
 


"Foi unha novela viva, construída coas vivencias cotiás. Anxo líanos fragmentos cando estabamos de tazas por Santiago". Quen fai memoria é Marcelino de Santiago, Kukas, dramaturgo hoxe popular polo seu traballo con monicreques e, na década dos 70, integrante con Rei Ballesteros do Fato de Oniristas Galegos. Este "variopinto" grupo de artistas procuraban, sobre todo, que "a vida e a arte non estivesen separadas".

 

As convulsións sociopolíticas -a ditadura esboroábase- e a iniciación a unha existencia liberada conforman o pano de fondo de Dos anxos e dos mortos. Obra de protagonismo mozo e colectivo e con vontade de ruptura estética, escrita por un anarquista confeso, era, considera Kukas, "un froito máis naquela festa cultural e ideolóxica". Malia a violencia ambiental da época, as lembranzas reconstrúen un tempo vizoso, intenso, de caos e descubrimentos. Diso trata, tamén, a novela.

 

"Anxo Rei abriu a literatura galega a novas formas de pensamento prosístico e axudou a que acordase de certo letargo histórico", considera Roberto Abuín, editor do ensaio póstumo A presenza dunha ausencia (2013) no seu selo Axóuxere, "causado non só polo franquismo senón tamén por tendencias críticas e literarias esencialistas". Como Kukas, que cualifica de "explosión tremenda" a aparición de Dos anxos e dos mortos nunha paisaxe dominada por Cunqueiro ou por relatos curtos derivados da prosa de Castelao, Abuín salienta que Rei Ballesteros "sen ser excesivamente asertivo, si quixo fracturar a literatura galega". É o que denomina "radicalismo discreto" do autor.

dos anxos e dos mortos - ánxel a. rey ballesteros

A procura dunha linguaxe faulkneriá, que continuaría en Loaira (1992) -unha radicalización da exploración efectuada no seu debut e con personaxes compartidos-, obsesionaba o escritor, engade Abuín. Non era este o único trazo que o emparentaba cos intentos da Nova Narrativa Galega vinte anos antes. Memorias de Tains (1956), a segunda das dúas pezas coas que Gonzalo Rodríguez Mourullo abalou a literatura galega antes de desaparecer como escritor, era moi querida por Rei Ballesteros. "Dos anxos e dos mortos supuxo a primeira innovación salientábel do sistema literario galego despois do xurdimento da Nova Narrativa", entende a investigadora Lorena Paz, que traballa na tradución ao inglés de pasaxes de Non sei cando nos veremos (2005), a derradeira novela do autor.

 

"Os personaxes perdidos e desarraigados, o uso do monólogo interior e a obsesión polo tempo subxectivo", esténdese, "recollen dunha maneira nova o ambiente de incerteza que atravesaban Compostela e Galiza a finais dos 70". Ese xeito de narrar complexo e, ás veces, tenue, equívoco, indeterminado, é o que o editor Carlos Lema sinala como "extraterritorial". "El escribe desde unha posición que non é un territorio, que non mantén, senón que é inestábel", di, "ao tempo que, en toda a súa obra, intenta crear unha retórica achegada á oralidade. El interprétaa, a partir dunha lectura de Heidegger, como fonte de autenticidade".

 

Lema publicou en Galaxia Non sei cando nos veremos e o ensaio "de altura" Tempo e vinganza: ensaio sobre Hamlet (2003). Tamén encargou a Rei Ballesteros a tradución -"extraordinaria"- de Molloy (2006), de Samuel Beckett. "El quería que a literatura abandonase a súa posición de poder, quería saír do discurso", afirma. E acerta a definir: "Foi un autor moi do século XX, diso que os anglosaxóns chaman Modernismo. Mais na literatura de hoxe en día dominan outras retóricas". Afastadas desa aposta contundente por, en palabras de Roberto Abuín, "remexer nas tramas fundantes da literatura galega".

 

En Dos anxos e dos mortos, e máis tarde en Loaira, opera unha crítica da historia case en tempo presente. Eran os días en que, segundo Kukas, se pasaba "da ditadura á ditabranda", "días difíciles e complicados". El propio lembra como lle aplicaron lexislación antiterrorista por "facer monicreques na rúa". Sobre esa materia real edificou a súa primeira ficción publicada Anxo Rei Ballesteros. "Esa novela é fundamental para entender un tránsito", considera Roberto Abuín, "marca un antes e un despois de igual xeito que Seraogna [libro de poemas de Afonso Pexegueiro de 1976]".

 

Se Lorena Paz tamén sitúa o traballo de Rei "nun momento crucial para a sociedade galega e española", a saída do franquismo, non todas as consultadas comparten a percepción historicista. Para Carlos Lema, non existe "relación de causa efecto" entre a época e a escrita. "O contexto político social é un recurso máis do escritor. Todo tempo é tempo de cambio. Non hai tempos máis convulsos ca outros", declara. E, no entanto, Dos anxos e dos mortos é tamén o documento crítico e desencantado dunha sociedade a piques de encetar un camiño aberto. É unha narración en que as voces baixas da historia adquiren presenza en primeiro plano. E na que a rebeldía dos novos alimenta a resistencia contra a normalización vital.

 

O rastro de Anxo Rei Ballesteros na literatura galega parece, porén, esluírse. Esa é a percepción de Lorena Paz, que sinala mesmo as dificultades de atopar as súas obras na libraría. "Non é un autor de cabeceira das novas xeracións de escritoras e escritores", opina. Algo semellante considera Roberto Abuín, moi achegado ao autor de A sombra dos teus soños (1998) nos seus últimos anos. "A súa escritura era complexa, e o tipo de, por así dicilo, cristalización simbólica que el defendía tivo máis recepción entre a crítica e os teóricos ca entre os lectores".

 

Rosalía de Castro explicou no limiar a Follas Novas que escribía para un pobo que aínda non existía. Cando Rei Ballesteros se decidiu por facer en galego unha literatura á marxe das correntes estéticas dominantes, relata Abuín, facíao porque así "sementaba un posíbel futuro". O que aínda estaba por vir en 1977 e non está claro se xa chegou.



x