UNHA ESCOLMA DE ARTIGOS RECUPERA A VOZ DO PROVINCIALISTA NEIRA DE MOSQUERA

Reconstruír a nación

Reconstruír a nación
Retrato de Antonio Neira de Mosquera publicado en 1880 en 'La Ilustración Gallega y Asturiana'.
Retrato de Antonio Neira de Mosquera publicado en 1880 en 'La Ilustración Gallega y Asturiana'.  

No primeiro número do xornal progesista vigués La Oliva, correspondente ao dous de febreiro de 1856, Murguía redactaba unha nota necrolóxica. “Non hai moito que Neyra Mosquera nos abandonou para sempre, o rebuscador das nosas vellas crónicas, o narrador das nosas glorias, esquecido por propios e estraños”, escribía. Falaba do gran romántico, o intelectual que axudou a construír nación como poucos outros: Antonio Neira de Mosquera (Santiago de Compostela, 1823 - A Coruña, 1854).


O ensaísta Xurxo Martínez González vén de escolmar vinte dos seus textos no volume galicia ante todo. Páxinas esquecidas do Rexurdimento (1840-1853) (Alvarellos e Consorcio de Santiago), con limiar de Xosé Ramón Barreiro Fernández. “Para min hai tres ideas fundamentais en Neira de Mosquera”, indica, “a súa contribución a construír un imaxinario nacional, como axudou a conformar un espazo de opinión pública provincialista, e que se trata dos maiores representantes do Romanticismo en Galiza”.

 

O intelectual romántico recuperaba a figura de Pardo de Cela e unha Idade Media como fundamento nacional do país -Historia de Galicia: Pardo de Cela, publicado en El Eco de Galicia en 1851. Reivindicaba, no volume colectivo Los españoles pintados por sí mismos (1843), o gaiteiro como “elemento de cohesión identitaria”. Ou achegaba a, segundo Martínez, “mellor síntese política do provincialismo”: El Provincialismo Gallego, en El Eco de Galicia en 1851.

 

“Procurei que a escolla de artigos fose representativa do seu imaxinario nacional e da estética romántica”, explica o editor e autor dun denso, completo estudo introdutorio. A exploración de hemerotecas foi a súa estratexía principal. Dividido en tres apartados cronolóxicos, o material de Neira de Mosquera deuse a coñecer na prensa provincialista de primeira hora -El Idólatra de Galicia ou El Recreo Compostelano-, nas publicacións madrileñas máis abertas -El Anfión Matritense, El Genio ou La Risa- ou, de regreso da meseta, en El Eco de Galicia.

libro galicia ante todo

“Na historia nunca hai cortes limpos”, afirma Martínez González, obsesionado por detectar continuidades e fíos comúns no convulso século XIX galaico. “A lectura dominante di, por exemplo, que El Eco de Galicia era un xornal local, enfrontado á prensa coruñesa pola cuestión da capitalidade. Despois de ler a colección completa, entendo que o principal dese periódico foi servir de plataforma para a recuperación do provincialismo tras 1846 e a represión posterior”, considera.

 

Porque o século XIX é, segundo o investigador, chave. “É cando se constrúe e condensa a idea de Galiza”, asegura. As primeiras historias nacionais, aínda pexadas por certa mitoloxía de orixe romántica, aparecen da man de Vicetto -canda Neira de Mosquera, o outro gran romántico- ou Manuel Murguía. “Por primeira vez, o pobo galego é protagonista”, sinala. Ao tempo, rómpese co concepto de absolutismo. “Antes, o rei daba contido ao Estado. Agora é a nación a que llo dá”. E comeza a circular o paradigma do celtismo, que serviu á elite protogaleguista para conectar Galiza cos pobos do norte: “Mais non por unha cuestión racial, se non porque se consideraban os pobos máis culturalmente avanzados”.

 

Nesa paisaxe, Antonio Neira de Mosquera elaborou o seu pensamento, o traballo que recolle galicia ante todo. “É importante para entender o Rexurdimento”, esténdese Xurxo Martínez, “e  axuda a facer un relato daqueles pioneiros que situaron Galiza no centro das súas inquedanzas”. Era unha elite intelectual que, máis alá de lugares comúns, “estaba en hora con todos os pobos de Europa”. Obras de Locke, Montesquieu ou Rousseau poboaban as bibliotecas particulares. “O mar era unha vía de comunicación moito máis aberta que a meseta”, conclúe.

 

Á Xeración do 46, ou Primeira Xeración Provincialista, pertenceu Neira de Mosquera. Xurxo Martínez resume así a súa angueira na introdución: “Pretendeu restitui-la memoria silenciada de Galiza; rehabilitada na súa condición de terra frutífera en sobranceiras figuras políticas, literarias ou filosóficas; describila como patria de riquezas sen explotar, de paisaxes idílicas, de folclore xenuíno e valioso; conceder a esta terra un relato propio, un coñecemento da súa conformación, do seu pasado, da súa historia; dotar de dignidade a un territorio, un pobo e unha cultura desprezados durante varios séculos”.  



x