Regresa Novos Cinemas con 40 filmes en exhibición

Regresa Novos Cinemas con 40 filmes en exhibición
Presentación da segunda edición de Novos Cinemas
Presentación da segunda edición de Novos Cinemas  

Volve a finais de mes a segunda edición do festival Novos Cinemas, que nos traerá desde o 27 de xuño ao 2 de xullo a Pontevedra 40 filmes e unha nova sección competitiva. 


Esta mañá presentouse a programación da Edición 02 de Novos Cinemas no Museo de Pontevedra coa presenza de Carme da Silva -concelleira de Pontevedra-, Juan Manuel Corbacho -vicerreitor da UVigo-, Xosé Leal -deputado de Cultura Deputación-, Ángel Santos e Suso Novás, membros da dirección de Novos Cinemas.

 

Na súa Sección Oficial, Novos Cinemas continúa mantendo 9 filmes a competición dos que dous teñen procedencia española. Trátase de 'Los objetos amorosos' (de Adrián Silvestre) e 'Verano 1993' (de Carla Simón), premiada nos Festivais de Berlín e Málaga e que o público poderá ver no Festival antes da súa estrea nos cinemas. 

 

O festival pecharase coa exhibición de 'Mimosas', o multipremiado filme de Oliver Laxe

Ángel Santos -director artístico de Novos Cinemas- presentou tamén a nova sección competitiva que implementa o Festival nesta edición: Latexos, unha sección concibida para achegar ao público a un cinema máis oculto e emocional, máis fráxil, pero tamén potente que merece ter unha cabida dentro das salas de proxección. Dentro dela competirán polo "Premio Numax" -que entregará Numax en concepto de exhibición na súa sala- os fimes 'Una Vez fuimos salvajes' -da pontevedresa Carmen Bellas-, 'Piedra y pájaro' -do colectivo Volga e estrea en España-, 'Borrá todo lo que dije del amor porque no sabía bien quién era' -Guillermina Pico e estrea en España- e 'Comienza y termina' -do director Bruno Delgado e en primicia mundial-.

 

Novos Cinemas continúa tendo un espazo para o cinema clásico na súa sección "Por primeira ou última vez", protagonizada nesta ocasión polo filme Badlands -opera prima do cineasta Terrence Malick- e que contará tamén cunha clase maxistral sobre o filme da man do crítico Carlos Losilla, membro do xurado do Festival. Outra das persoas que compoñen o xurado oficial desta edición, Nely Reguera, será unha das protagonistas da sección #Baixoasestrelas, na que se proxectará ao aire libre o seu filme 'María (y los demás)', un dos éxitos cinematográficos do cinema galego recente, para continuar cunha sesión de música a cargo de Aries, coa súa interesantísima proposta de fusión de electrónica, pop e melodía.

 

O público familiar poderá gozar da proxección de 'A vida da Cabaciña' nunha sesión concibida para todos os públicos. Este filme de animación perfílase como un dos máis exitosos do último ano tras pasar polos "Premios Oscar," os "Globos de Oro", e ser premiada nos festivais de Annecy e San Sebastián. Ademais, volveremos contar coa presenza de Otto Roca e Diego Calvín no obradoiro "Luz · Tempo · Sol", para que os máis pequenos da casa coñezan os limiares da fotosensibilidade no interior dunha cámara escura creada a escala humana.

 

Ademais, o Festival dedicaralle unha retrospectiva ao cineasta arxentino Matías Piñeiro, que ofrecerá o seminario "36 leccións de cinema", un percorrido por trinta e seis reflexións baseadas en casos concretos extraídos de películas e directores de cinema de todas as épocas. 

 

Dentro dos encontros desta edición destaca a presentación dos novos proxectos dos cineastas Diana Toucedo e Álvaro Fernández Pulpeiro. Diana Toucedo presentará un fragmento do seu último traballo, 'Puerto Deseado', e Álvaro Fernández Pulpeiro amosará imaxes de 'Nocturno', un evocador filme arredor do porto de Montevideo e as súas xentes. Xa no #LAB, o programa adicado a poñer en contacto a asesores profesionais do sector e cineastas en cernes para orientalos nos seus traballos en desenvolvemento, os protagonistas serán Laia Alabart, Laura Rius e Marta Verheyen con El Jardí; Hugo Amoedo con Young Professionals; Nico Martínez Millán con Sós e Guillermina Pico con Las Galaxias.
 



x