Regresa o Poemaria ao casco vello de Vigo

Regresa o Poemaria ao casco vello de Vigo
Imaxe do obradoiro 'A Poesía non Morde. As poetas non choran II', previo a Poemaria. Con Elvira Ribeiro.
Imaxe do obradoiro 'A Poesía non Morde. As poetas non choran II', previo a Poemaria. Con Elvira Ribeiro.  

Esta fin de semana celebrarase a segunda edición do festival Internacional PoemaRia Vigo durante o 16, 17 e 18 de xuño, un evento que botou a andar o ano pasado coa intención de escoitar especialmente a voz das mulleres na poesía. 


O Festival PoemaRia, que terá lugar en diferentes espazos do Casco Vello de Vigo esta fin de semana, contará coa participación de recoñecidos artistas nacionais e internacionais que mostrarán en diferentes actividades (recitais, concerto, videopoesía, sesión vermú, tour literario...) a súa obra. 

 

Ademáis de favorecer este intercambio de poéticas, o principal obxectivo de Poemaria 2017 é ser unha plataforma para o recoñecemento das mulleres na poesía. Neste sentido, Poemaria acollerá varios artistas, entre as que podemos atopar a poeta galega Yolanda Castaño, que recitará o sábado xunto a autora portuguesa Ana Luísa Amaral. Na inauguración da sexta feira estará presente a poeta andaluza Carmen Camacho e as galegas María do Cebreiro e Estíbaliz Espinosa.

 

Este encontro internacional de poesía é o colofón a todas as actividades realizadas ao longo do ano e un dos seus obxectivos é situar Vigo entre as Cidades da Literatura de Europa

Ademais, haberá outras lecturas de poetas con traxectoria editorial consolidada como Paul Casey (Irlanda), Filipa Leal (Portugal) e as galegas Antía Otero, Xina Vega, Xosé María Álvarez Cáccamo, Luz Pichel, María Reimóndez ou Isaac Xubín.

 

Este encontro internacional de poesía é o colofón a todas as actividades realizadas ao longo do ano e un dos seus obxectivos é situar Vigo entre as Cidades da Literatura de Europa. Ademais a editorial madrileña Amargord creará unha nova colección Poemaria coa publicación dunha antoloxía anual do festival. 

 

Despois do éxito que supuxo Poemaria 2016, en 2017 a organización levou a cabo durante todo o ano actividades poéticas fomentando o diálogo entre a poesía galega coa do exterior, como  o recital de poesía arxentina en marzo, o obradoiro de Marcelo Díaz, a presentación do libro bilingüe en galego e inglés 'Six Galician Poets', ou os intercambios poéticos entre Irlanda e Galiza a través das lecturas de 'La Malinche', etc.  Ademáis, durante as últimas cinco semanas previas ao festival organizáronse obradoiros de poesía no Marco que foron un éxito rotundo de público.



x