Reimóndez gaña o Xohana Torres cun ensaio sobre a tradución de Rosalía e Erín Moure

Reimóndez gaña o Xohana Torres cun ensaio sobre a tradución de Rosalía e Erín Moure
María Reimóndez agradecendo o Premio Xohana Torres [Foto: Concello de Santiago]
María Reimóndez agradecendo o Premio Xohana Torres [Foto: Concello de Santiago]  

A escritora María Reimóndez vén de gañar o I Premio Xohana Torres grazas ao ensaio "Corpos exorbitantes. Rosalía de Castro, tradutora feminista en diálogo con Erín Moure". 


María Reimóndez foi a gañadora da primeira edición do Premio Xohana Torres de ensaio e creación audiovisual que convoca o Concello de Santiago de Compostela. E mentres o apartado audiovisual quedaba deserto, a escritora luguesa acadaba o galardón grazas a un ensaio no que analiza "a práctica tradutora de Rosalía de Castro e de Erín Moure, en oposición ao discurso patriarcal e colonial", segundo as súas propias palabras. 

No ensaio gañador analiza "a práctica tradutora de Rosalía de Castro e de Erín Moure, en oposición ao discurso patriarcal e colonial"

O premio, que está dotado con 2.500 euros e a publicación da obra polo Servizo de Publicacións da Universidade de Santiago de Compostela, recuperouse este ano con motivo do Día Internacional das Mulleres grazas a un convenio coa USC, mantendo a esencia pola que se creou e orientándoo á recuperación da memoria histórica das mulleres de Santiago de Compostela.

O ensaio gañador impúxose sobre outros tres traballos máis presentados na categoría de ensaio: 'As irmáns Fandiño ricart, a locura como mecanismo de resistencia'; 'Eles libres e iguais, elas obedientes pola graza de Deus'; e 'Mulleres que romperon co seu destino: pioneiras compostelás nas ciencias experimentais'.



x