BANDA DESEÑADA SOBRE RICARDO MELLA

O respectado señor anarquista

O respectado señor anarquista
Cadriños de 'Ricardo Mella. O home novo', de Xosé e Ramón Trigo.
Cadriños de 'Ricardo Mella. O home novo', de Xosé e Ramón Trigo.  

O seu enterro en 1925 foi unhas das manifestacións públicas de dó máis descomunais das que se lembran en Vigo. Os tranvías pararon. Adversarios e inimigos renderon homenaxe. E o pobo tirou os chapeus. Morrera Ricardo Mella Cea, “pensador de primeira orde” e o anarquista galego de maior envergadura. Ricardo Mella. O home novo é a novela gráfica que, da man de Xosé e Ramón Trigo, repasa unha vida ao servizo da emancipación das clases populares.
 


“Ricardo Mella foi un home recoñecido por todas as tendencias anarquistas. Mesmo polos seus inimigos”, explica Xosé Trigo (Vigo, 1954), autor do guión e “militante da CNT desde os tempos da clandestinidade”, “o seu enterro foi espectacular”. Con Mella, que nacera en 1861 tamén en Vigo, desaparecía unha primeira xeración libertaria. Aquela que pasara do federalismo ao anarquismo.  

Ricardo_Mella

 

A súa conversión política finisecular tiña orixe nun conflito. O que o enfrontou, con apenas 20 anos, ao político canovista e marqués José Elduayen. Unha condena a máis de tres anos de desterro expulsouno de Galiza. Neses anos descubriu a política anarquista, aprobou oposicións a topógrafo e percorreu media Península Ibérica. Por caso, Andalucía, onde as loitas contra o latifundio o marcaron.

 

Ao seu regreso a Vigo, encargáronlle a construción do tranvía. Traballou no tendido do camiño de ferro na zona de Pontevedra. E chegou a dirixir a compañía do tranvía. “A súa extraordinaria relevancia social borrouse coa Guerra Civil e a represión posterior”, considera Trigo, “eis a causa do pouco recoñecemento actual da súa figura”. E as polémicas que, a día de hoxe, aínda marcan o mundo anarquista.

 

“Era un home moderado, contrario á violencia”, engade, “e a súa posición na I Guerra Mundial foi moi discutida”. Mentres a meirande parte das organizacións proletarias europeas -as socialistas e as anarquistas- rexeitaron apoiar os respectivos gobernos estatais, Ricardo Mella, no esteiro de Kropotkin, apostou pola intervención. “Vían detrás a man dos fascismo”, di. As discusións foron tan duras, agres, “que comezou a se apagar”.

 

Estética escura


Ramón Trigo (Vigo, 1965) transportou o roteiro sobre a vida e a obra de Mella -amais de organizador e home de acción, foi un dos grande intelectuais libertarios- a debuxo. “Documenteime moito sobre a época, recompilei imaxes, procurei recrear a atmosfera, aquela España negra do século XIX”, expón, “e o resultado é unha estética moi negra, moi escura”.

 

O segundo dos Trigo -os autores son irmáns- comparte con Mella e con Xosé ideas anarquistas. “Aínda que nunca militei”, puntualiza. Trazar a branco e preto a experiencia biográfica dun pesoeiro “moi importante e moi esquecido” foi o terceiro traballo conxunto da parella. No Burato do inferno (Faktoría K, 2010) trataran dos raqueiros, piratas de terra que facían naufragar barcos na ría. E en Lobada (Deputación da Coruña, 2016), dos nazis en Vigo.

 

“As nosas obras están ambientadas en Vigo e arredores”, afirma, “tamén esta sobre Ricardo Mella”. Que presentan esta sexta feira, 13 de abril, na Escola de Artes e Oficios de Vigo, “coa familia Mella, autoridades, sindicatos”. “Na escola deu clase Urania Mella, a filla de Ricardo”, lembra Xosé Trigo. A Urania Mella fusiláronlle o compañeiro e ela mesma foi condenada a 30 anos de cadea en 1936. Cumpriu oito anos. Saiu un mes antes de morrer.

 

Ricardo Mella. O home novo conta con edición en galego e en castelán. A fundación Aurora Intermitente, dedicada á difusión da idea libertaria e con sede en Madrid, atópase por detrás da publicación. A banda deseñada está dedicada por Xosé Trigo aos compañeiros que “no ano 1974 reconstruíron a CNT en Vigo”.

 

Nota: imaxe do pensador anarquista Ricardo Mella.



x