CRÓNICA DE ROCK E OUTRAS LERIAS

Resurrection Fest: os imprescindíbeis da quinta feira 6

Resurrection Fest: os imprescindíbeis da quinta feira 6

En poucas semanas chega unha nova edición do Resurrection Fest, que se converteu nun dos mellores festivais a nivel europeo de rock, metal e punk. A cita deste ano voltará a encher Viveiro de metalheads chegados de todos os puntos de Europa, para desfrutar de catro días nos que pasarán 100 bandas distribuídas polos 4 escenarios cos que este ano contará o festival. Con tal cantidade de bandas, agás na warm up party, é imposíbel non ter que elixir entre ver unhas e outras, así que, se tes algunha dúbida, estes son para min os imprescindíbeis que non deberías perderte.


A quinta feira 6 de xullo é un deses días que máis complicados temos facer a selección, xa que parece que xuntaron varios cabezas de cartel. Anthrax, Dropkick Murphys, Airbourne e Suicidal Tendences son os nomes máis coñecidos e os que sen dúbida atraerán máis cantidade de espectadores, pero entre as letras máis pequenas do cartaz, atopamos Eluveitie, unha banda suíza cun estilo que poderíamos cualificar como Celtic Death Metal Melódico. Unha moi interesante proposta en que mestura instrumentos tradicionais como a gaita e zanfona coas guitarras eléctricas. A banda está a piques de estrear o seu novo álbum Evocation II – Pantheon  do que seguramente darán boa conta en Viveiro xunto cos clásicos da banda.

 

Dende Finlandia, chegan Korpiklaani, unha banda de Folk Metal nada no 2003 e que xa contan con 9 discos no seu haber. Esta banda pode por momento soar máis a folk finés, que a metal, mais ese é un dos seus atractivos, facer unha fusión na que en cada momento pode primar un ou outro estilo. O seu último disco até o momento é Noita, editado no 2015, mais para min o seu mellor traballo é Ukon Wacka¸ editado no 2011 no que inclúen unha curiosa versión do Iron Fist  de Motörhead 

 

The Black Dahlia Murder é unha banda de sobra coñecida no panorama do death metal melódico, mais para os profanos neste xénero pode que resulten uns perfectos descoñecidos. Destaca a técnica vocal de Trevor Strnad  que é quen de mesturar o grow vocals, propios do death metal, co screaming  propio do death metal. O seu derradeiro traballo até o momento é Abysmal,  editado no 2015  cunha grande acollida, malia que o meu favorito segue a ser Miasma, editado no 2005

 

Comeback Kid trae o toque de hardcore melódico.  Formados en Cadaná no ano 2000 destaca especialmente o seu terceiro traballo, Broadcasting...,  que irrompeu con forza no 2007. A banda está a preparar novo álbum que sairá en principio neste 2017, pero do que non hai datas confirmadas.

 

Snapcase  é outro deses nomes propio na escena do hardcore punk cuxa reunión trouxo moitas expectativas. Se ben é certo que a banda non entra no estudo dende o 2003, é unha desas bandas que hai que ver mínimo unha vez na vida e pode que esta sexa unha das últimas.

 

Red Fang é unha banda stoner que veñen presentando Only Ghosts, disco que editaron en outubro do ano pasado e que é que permite unha escoita máis sinxela de toda a súa carreira. Con algún que outro toque de influencias dos clásicos do rock, plasma a madurez da banda tras case tres anos de xira, unha madurez que en parte roubou a frescura e a sorpresa dos primeiros traballos, pero que en directo seguen a ser incríbeis.

 

A quinta feira só é o primeiro día e aínda queda moito máis e dende logo os pratos máis fortes. A sexta feira que vén irán as miñas recomendacións para o día 7.  

 

RESURRECTION FEST NAS REDES

 

WEB: http://www.resurrectionfest.es/

FACEBOOK: https://www.facebook.com/resurrectionfest/

TWITTER: @ResurrectionESP

 



x