Rianxo, porto de mar e terra de arrolos

Rianxo, porto de mar e terra de arrolos
Fotograma de 'O arrolo', 1937, Dziga Vertov
Fotograma de 'O arrolo', 1937, Dziga Vertov  

Unha iniciativa do concello rianxeiro recompila a través dun traballo de campo as nanas que se cantaban no municipio para preservalas, recuperalas e dalas a coñecer, entre outras vías, a través das redes sociais. 


“Ai que meniño tan bonitiño / quen che me dera / darlle un biquiño”. Así comeza un dos arrolos que se cantaba en Rianxo. As nanas ou cantigas de berce son en si propias pequenas pílulas dunha felicidade tranquila que se canta, mais iso non as fai inmunes ao paso do tempo. As máis tradicionais corren o risco de se perder, marchando con elas moito máis que unha simple cantiga. Para tentar evitalo, a concelleiría de Benestar Social, Igualdade e Diversidade de Rianxo impulsou coa empresa 'Maos' o proxecto 'Arrolos de Rianxo', unha iniciativa que dá os seus primeiros pasos nestas primeiras semanas de outono. "e meniño é, e meniñó é / para San Tomé / a carne do lobo / nunca boa é " finaliza outra das nanas rianxeiras.

“A idea naceu de Hadriana (Hadriana Ordónez, concelleira do goberno local do BNG), que quería recoller os arrolos que había en Rianxo e facer un inventario co obxectivo de ter todas cantas nanas sexan posíbeis para que se continúen cantando e os nenos continúen a durmir felices”, explican desde Maos en conversa con Sermos Galiza.

Dúas vertentes

O proxecto consta de dúas vertentes. Por unha banda, o traballo de campo. “Falar coas asociacións culturais e de veciños que hai no concello, entrevistar e gravar a quen lembra e sabe os arrolos”, contan. Aquí teñen importancia as persoas maiores, que atesouran na memoria os arrolos máis antiguos. “Este proxecto tamén implica un traballo coa memoria”, engaden.

A segunda pata son as redes sociais, ferramenta a través das que se dan a coñecer as nanas gravadas para a súa socialización, o tempo que se convida a tomar parte no proxecto. “A idea non é só recompilar os arrolos existentes mais tamén, se alguén se anima, a inverntar nanas novas”, din desde Maos.

En 2017 a iniciativa contempla publicar un CD coas gravacións dos arrolos e poñer así o ramo a un proxecto que , nos seus primeiros pasos, está a xerar interese e curiosidade para alén de ter “moi boa receptividade”, indican os responsábeis.

 



x