Ribadeo convértese na capital da curtametraxe galega

Ribadeo convértese na capital da curtametraxe galega
Fotograma da curta 'Illa Pedra', de Adriana Páramo.
Fotograma da curta 'Illa Pedra', de Adriana Páramo.  

O ciclo de cinema itinerante Ficciónate chega á Mariña este sábado, 13 de xaneiro. A proxección será no Teatro de Ribadeo ás 20:00 horas e estará seguida dun coloquio en que participarán os distintos creadores das curtametraxes expostas.


Ribadeo é a sexta parada de Ficciónate. O programa, organizado pola produtora audiovisual de Compostela Abella Creativa, rematará esta a súa segunda edición en marzo deste ano. Antes pasará polos concellos de Porriño, Malpica, Fisterra e Oleiros. En Abella Creativa continúan confirmando datas e insiste no éxito do ciclo tanto pola calidade das obras como polo seu modelo participativo.

 

Tras as proxeccións, os asistentes poderán compartir a experiencia cos autores das obras. Non só coas cineastas, senón tamén cos responsábeis de produción, fotografía ou cos propios intérpretes. Nesta segunda edición de Ficciónate incorpórase tamén unha pequena mostra gastronómica de produtos galegos.

 

“Todas as curtas recibiron múltiples premios: Einstein-Rosen, Mestre Mateo 2017, leva máis de 50 premios a nivel internacional; Superpunky recibiu o premio do público á mellor curtametraxe de ficción no Redondela en curto; Curricán, premiado en Cans, é obra de Álvaro Gago, director da recente e exitosa Matria; e Illa Pedra de Adriana Páramo leva un potente percorrido desde a súa presentanción en Londres”, explica Andrés Rozados, coordinador do ciclo.



x