ESTE 20 DE MAIO REALIZARANSE CANTOS DE TABERNA EN MÁIS DE 30 ESTABLECEMENTOS

Sada celebra o seu primeiro Día da Troula

Sada celebra o seu primeiro Día da Troula
NovaTroula
NovaTroula  

A vila de Sada celebrará este vindeiro sábado 20 de maio a primeira edición do Día da Troula. Esta iniciativa, que parte do concello e da agrupación de músicos Nova Troula, pretende recuperar a tradición dos Cantos de Taberna celebrados fai anos nesta vila.


O Día da Troula ten como obxectivo dinamizar o sector hosteleiro e ofrecer a posibilidade de degustar produtos da vila pero tamén é un xeito de revivir a historia da vila. “Trátase de recuperar unha tradición que había en Sada fai moito tempo, a dos Cantos de Taberna”, declara Xosé Lois Suárez, Concelleiro de Promoción Económica da vila.

Esta iniciativa parte da agrupación musical Nova Troula así como do Concello de Sada e nela participarán máis de 30 establecementos de hostelería e dez agrupacións musicais. Comezarase ás 11 da mañá cun percorrido de Cantos de Taberna polos diferentes establecementos. Está organizado tamén un xantar homenaxe aos Perilláns de Iñás no que se contará coa presenza de Ramón Mosquera Domínguez.

Pola tarde, máis de dez agrupacións folclóricas do país “cantarán polos bares, tocarán a gaita e a pandeireta” e demais instrumentos tradicionais en palabras de Xosé Lois Suárez.

Xa para rematar esta xornada de festa, celebrarase unha foliada nunha carpa instalada no paseo marítimo da vila que non rematará ata a unha da madrugada. Neste último acto contarase coa presenza de máis de trinta agrupacións folclóricas de toda Galiza e coa actuación do grupo “Os Melidaos”.

Esta é a primeira vez que se celebra o Día da Troula pero dende o concello agardan que sexa unha festividade que perdure no tempo. “A idea agora é asentar esa data e continuar para outros anos”, afirma Xosé Lois Suárez. O tempo dirá se o Día da Troula de Sada remata por converterse nunha cita anual para os amantes dos Cantos de Taberna. 



x