Santiago Lopo, María Canosa e Manuel Lourenzo, premios Xerais 2017

Santiago Lopo, María Canosa e Manuel Lourenzo, premios Xerais 2017
Xerais_2017_02
Xerais_2017_02  

Lopo gaña o Xerais de Novela con ‘A arte de trobar. María Canosa e Manuel Lourenzo reciben o Merlín e Jules Verne de Literatura infantil. Os premios déronse a coñecer este sábado na illa de San Simón. Cada un dos tres está dotado con 10.000 euros.


Santiago Lopo, María Canosa e Manuel Lourenzo son os gañadores dos premios Xerais 2017 que este sábado se concederon na illa de San Simón: a XXXIVª edición do Premio Xerais de Novela, a IXª edición do Premio Jules Verne de Literatura Xuvenil e a XXXIIª edición do Premio Merlín de Literatura Infantil, todos os tres premios dotados con 10.000 euros cada un deles.

 

‘A arte de trobar’, de Santiago Lopo, recibiu o premio Xerais de Novela 2017, sendo elixida entre as 42 obras a concurso.  Lopo (Vigo, 1974) é profesor de francés na Escola Oficial de Idiomas de Pontevedra e xa ten publicado e gañado premios. O xurado considera esta novela “un bo artefacto literario (...) Un artefacto literario que destaca pola plasticidade da súa escrita e que se caracteriza por un ritmo áxil e unha trama sorprendente”.

 

Lopo declarou cando coñeceu que fora premiado que «A arte de trobar é unha novela que acontece no século XIII. Nela, unha troupe de artistas procedentes de Galicia percorre os camiños dunha Europa inmersa en duras loitas de poder

 

Muriel

 

Ao Premio Merlín de Literatura Infantil concorreron 35 traballos. ‘Muriel’, de María Canosa, foi a elixida polo xurado.  Canosa (Cee, 1978) é autora dunha extensa obra narrativa infantil e xuvenil. Como narradora publicou Faíscas (2009), DisParo (2016), Non é París (2016) e Cando cae a luz (2016). Publicou, ademais, o libro de poemas Ronca o mar (2011) e o ensaio A que altura está o ceo (2016), en colaboración con Jorge Mira.

 

O xurado afirma que “a historia que decidimos premiar é orixinal, sedutora, nela cada palabra conta, pois é esa a súa esencia, a das palabras, a das que se din e a das que se calan. É tamén un canto á imperiosa necesidade da cor”. María Canosa confesou que “Con Muriel quixera destacar tamén a combinación de fraxilidade e fortaleza dos que están tocados pola sensibilidade, os mesmos que se atreven a soñar e pintar un horizonte de cores. A amizade e unha sinxela botella de leite une a todos e cada un dos protagonistas, de diferentes xeracións e tamén entre humanos e animais”.

 

Jules Verne

 

O xurado da IX edición do Premio Jules Verne de Literatura Xuvenil, dotado con 10.000 euros e no que concorren 19 obras acordou por unanimidade declarar como gañadora a obra presentada baixo o lema ‘Ceiba de Luz’, que, despois de aberta a plica, resultou ser de Manuel Lourenzo González e corresponde ao título Ceiba de Luz.

 

Manuel Lourenzo González (Vilaboa, Pontevedra, 1955) é licenciado en Pedagoxía e catedrático de Lingua Galega e Literatura. Ten unha extensa obra publicada, tanto de novela como relatos e literatura xuvenil e infantil. “O achado nunha tenda de antigüidades dunha pequena estatuíña humana, de ouro macizo e de fasquía precolombina, é o motivo que desencadea a organización da expedición Ceiba de Luz”.

 

Manuel Lourenzo González explicou que “a historia de Ceiba de Luz é a dunha expedición arqueolóxica formada por dezaoito persoas, estudantes e especialistas de distintos ámbitos, que emprende unha viaxe por unha rexión inexplorada da Amazonía  á procura dos restos dunha primitiva cultura. Mais algúns dos seus membros teñen obxectivos propios, que van da cobiza pirata duns ao delirio místico doutros, o que converterá a viaxe, nun medio descoñecido e moitas veces inhóspito, nunha mera loita pola supervivencia".

 

O profesor e divulgador científico, Xurxo Mariño, autor de Terra. Ciencia, aventura e sorpresas dunha viaxe arredor do mundo, actuou como mantedor literario da velada. No seu discurso defendeu a convivencia das humanidades e das ciencias experimentais como compoñentes dunha única cultura, reivindicando tanto o coñecemento humanístico para os como o coñecemento experimental para artistas, poetas e novelistas



x