O sector da arte revírase pola situación do Marco

O sector da arte revírase pola situación do Marco
MARCO
MARCO  

A incerteza que vive o museo de arte contemporánea de Vigo segue a colleitar reaccións. Desta volta varias asociacións profesionais do sector artístico no Estado veñen de emitir un comunicado no que amosan a súa preocupación polo futuro do museo. 


A renuncia a continuar na dirección do Marco de Iñaki Martínez Antelo por mor dos problemas co Concello de Vigo, a institución que controla o museo, puxo de manifesto a delicada situación desta institución, que veu mermado o seu proxecto nos últimos anos debido ás continuas reducións de orzamento. 

O comunicado, titulado "Aquí unha vez houbo un museo de arte contemporánea", está asinado por sete asociacións do mundo das artes plásticas, desde artistas a críticos, pasando por galeristas, xestores culturais e directores de museos. Nel fan pública a súa preocupación pola situación que atravesa o Marco e "pola absoluta opacidade e falta de transparencia que veñen amosando o Concello de Vigo e máis o Padroado da Fundación Marco, como órgano responsábel do bo funcionamento do museo, arredor do proceso de selección dunha nova dirección que permita a pervivencia do proxecto". 

O comunicado, titulado "Aquí unha vez houbo un museo de arte contemporánea", está asinado por sete asociacións do mundo das artes plásticas, desde artistas a críticos, pasando por galeristas, xestores culturais e directores de museos.

Para eles, resulta prioritario "resolver o problema da baixa dotación orzamentaria que fai case imposíbel a viabilidade económica" do museo e reclaman "un novo acordo entre institucións (Concello de Vigo, Xunta de Galicia, Deputación de Pontevedra e Ministerio de Cultura) que garanta a dotación económica e que permita poñer freo á precariedade laboral dos traballadores, e asegure a continuidade das súas actividades". 

Tamén urxen a poñer en marcha un procedemento de selección para a nova dirección "a través dun concurso público, aberto, transparente e respectuoso cos acordos de Boas Prácticas en Museos e Centros de Arte" que garanta a independencia do proxecto fronte ás intromisións do poder político e o funcionamento democrático e participativo dos equipamentos culturais". 

Chaman a non permitir que "os enfrentamentos partidistas, e as loitas polo poder acaben por liquidar un proxecto fundamental para a cidade"

Chaman tamén a non permitir que "os enfrentamentos partidistas, e as loitas polo poder entre estamentos políticos que terían de estar traballando de maneira conxunta a favor da cidadanía acaben por liquidar –ou baleirando de contidos- un proxecto fundamental para a actividade artística e cultural da cidade". 

O comunicado está asinado pola Asociación de Directores de Arte Contemporánea de España (ADACE), o Consello de Críticos de Artes Visuais, o Consorcio de Galerías, a Federación Estatal de Asociacións de Xestores Culturais (FEAGC), o Instituto de Arte Contemporánea (IAC),  Mulleres nas Artes Visuais (MAV) e a Unión de Asociacións de Artistas de España.



x