Sermos Galiza inicia a publicación de inéditos en epub cun libro de Tati Mancebo

Sermos Galiza inicia a publicación de inéditos en epub cun libro de Tati Mancebo
Tati Mancebo
Tati Mancebo  

Co libro Mundo maquinábel de Tati Mancebo, Sermos Galiza lánzase ao mundo da edición en epub e inaugura unha nova colección de obras inéditas que se poderán adquirir a través da loxa dixital. Desde esta segunda feira, faite coa primeira publicación.


Cun libro de poesía da escritora e xestora cultural Tati Mancebo, Sermos Galiza aventúrase no mundo da edición dixital a través do formato epub. Mundo maquinábel, que agrupa dous poemarios da autora, é o primeiro dunha serie de títulos inéditos que irán saíndo progresivamente e que se poderán mercar a través da loxa con acceso no portal de Sermos Galiza. Rafa Villar será o autor do segundo libro publicado por este formato. 

A nova colección non podería xurdir cunha autora máis entusiasta coas posibilidades do mundo dixital para a difusión da cultura. Xestora cultural, dinamizadora e coñecedora das novas tecnoloxías na súa aplicación á cultura, Tati Mancebo acolleu con singular ilusión o novo proxecto de Sermos Galiza e ofrécenos agora os argumentos que explican o seu apoio decidido á proposta. “Ao meu ver é un exemplo para o mundo editorial no que aínda que se fixo algún experimento con epubs non se asentou de maneira decidida. O maior esforzo de edición dixital deuse en vender pdfs mais agora estamos a falar dun formato creado especificamente para libros electrónicos”, explica Mancebo. 

Cal é a ventaxa do epub? “Pois é un formato fluído, non unha imaxe como o pdf, os programas que os len recoñécenos como textos e fanos refluír pola pantalla”. Para Tati Mancebo, varios son os argumentos que a fan apostar pola edición dixital, a primeira en poñer en circulación obras a prezos moi baixos. “Permite unha maior difusión dos libros, a prezos económicos. Os autores e autoras, co libro publicado, teñen outras saídas como presentacións ou conferencias”, explica a tamén xestora cultural. O prezo dos libros na nova colección dixital será de 0,90 €,

Por outra parte, como poeta sabe das dificultades que, en especial determinados xéneros, existen á hora de publicar e distribuír en formato libro en papel nun sector no que os datos falan dunha grande diminución do número de volumes publicados. “Coa edición dixital pódense publicar contidos de calidade que chegarán a un público maior. Ademais, hoxendía podes localizar a futuros lectores e lectoras e dirixirte a través da rede a eles para poñelos en coñecemento da edición do teu título”, explica ao tempo que defende un papel “máis activo” de creadores e creadoras á hora da difusión da obra nas redes. 

Iniciativa pioneira

“Paréceme unha iniciativa histórica a de Sermos e estou certa de que creará comunidade de lectores e lectoras e abrirá novos camiños”, indica Tati Mancebo, enleada na explicación do proxecto do que ela é iniciadora case máis que en falar de Mundo maquinábel. Por que publica nesta nova colección? “A verdade é que estaban na casa e nunca movín un dedo para publicalos, non tiña paixón especial mais cando se presentou esta posibilidade deume unha grande alegría e aquí están”. 

Mundo maquinábel contén dous poemarios da autora que toman un título con reminiscencia de Risco para a súa saída ao público. “O primeiro nace ao fío da tradición esotérica que cultivaron na súa xeración. A poesía é a linguaxe que che permite expresar o que non é expresábel noutros modos”, apunta Mancebo dunha concepción da poesía na que entende que “ten que provocar unha conmoción ao lector que o leve a outro sitio onde non pode chegar o poema”. O libro recolle dous poemarios, o primeiro “Nós quen” nace arredor da identidade, en progresión dun ser local que é, ao tempo, universal. O segundo, “Manual de movementos” é un traballo máis experimental xogando a uns límites máis amplos, co fin de provocar sensacións que se acheguen a espazos que non teñen por que ser reais mais que poden ser compartidos por outras persoas. “Trátase dunha mestura de sensacións, luces ou sons”, apunta. 

Para Tati Mancebo, tampouco é habitual ver a súa poesía en formato libro. A autora non se prodiga en demasía na publicación da súa obra literaria malia ter unha sólida “personalidade dixital”. “Unha parte de min precisa expresar cousas que pasan pola cabeza e o corazón ou mesmo pola pel e na poesía atopo a forma perfecta mais tampouco teño moita ambición de difundilo”, indica para explicar unha ausencia que agora rompe con Mundo maquinábel. 

"Hoxendía podes localizar a futuros lectores e lectoras e dirixirte a través da rede a eles para poñelos en coñecemento da edición do teu título”,

Para Tati Mancebo, a edición dixital en formatos propios é o camiño para a difusión da obra literaria e a isto teñen, ao seu ver, que afacerse tanto o sector como os propios autores e autoras, ás veces reacios a experimentar cos novos soportes. Significa tamén, un cambio de papel en ambos sectores, tornándose o seu labor máis activo e comunicativo. “Antes o autor era ese ser case taciturno que entregaba o orixinal ao editor e, se había sorte, saía publicado. Agora o tempo é outro e cómpre implicarse e colaborar na difusión da obra”.

E que vai facer Tati Mancebo entón para difundir Mundo maquinábel? “Ocórrenseme moitas cousas mais depende do tempo! Ademais das presentacións físicas pódense facer a través de streaming, movelo nas redes, no blog, convocar as persoas nalgunha ocasión na rede, mesturar tamén co soporte físico neste tempo de transición, ler algún poema na rede, comentar cos lectores... as fórmulas son moitas e as ferramentas, cada vez de máis fácil uso, permiten moitas posibilidades".

Xa podes mercar o inédito de Tati Macebo na loxa de Sermos Galiza



x