MARÍA XOSÉ BRAVO

"Sermos necesita que o sintamos como unha obra colectiva"

"Sermos necesita que o sintamos como unha obra colectiva"
María Xosé Bravo, nun acto público
María Xosé Bravo, nun acto público  

Esta terza feira é Maria Xosé Bravo, presidenta da asociación cultural Alexandre Bóveda, a que nos oferece os seus pontos de vista nas conversas deVenham Mais Cinco.


-Como avalías o estado actual da cultura galega?
-Non quero ser “compracente” coa situación actual da cultura galega porque o estado actual non é bo. O Partido Popular dende o goberno da Xunta no canto de protexer abandonou, recortou e sobre todo desactivou un sector cultural moi atractivo e con moita vitalidade, capaz de plantar cara á homoxeneización e á globalización, capaz de enfrontar esa falsa dicotomía entre tradición e modernidade...

Son das que penso que se a cultura non soluciona necesidades de vida non é cultura. É por iso que esa confusión interesada entre festa e cultura ou entre espectáculo e creación tan na liña da dereita que nos goberna lévanos a un camiño sen saída. Estamos cansadas de mentiras e cómprenos a enerxía colectiva de todo un pobo que quere vivir a cultura  en todas as súas dimensións para facer fronte á falta de políticas culturais do Partido Popular.

E fronte ao abandono da cultura de base e da dimensión social e formativa da cultura cómpren unhas políticas públicas que entendan que o coñecemento, polo tanto a cultura, é un dereito de todas e todos. Políticas públicas que aposten por unha Galiza creadora, que produza cultura e a viva en todas as súas dimensións.

-Que evolución agardas da cultura galega a cinco anos vista?
-Quero ser optimista de cara ao futuro. Se miramos para a creación actual podemos dicir que estamos a facer unha cultura contemporánea, moderna, atractiva, que nos fai sentir que somos unha potencia, que somos un país con moito talento.

Galiza é un país culturalmente vizoso, mais cómprenos que creadoras, asociacións culturais de base e axentes socioculturais traballen de forma cooperativa e impulsen de forma conxunta a cultura capaz de transformar a realidade... e darlle visibilidade e levala a todos os pobos, a todos os barrios, aos espazos públicos e aos privados e asociativos.

A Cultura que quero non é neutral, mais ben é radicalmente democrática, entendida como un dereito de todos e todas. O dinamismo cultural dun país mídese non só pola oferta cultural que é capaz de xerar, senón, e sobre todo, pola capacidade que a súa cidadanía ten para erixirse en protagonista da actividade cultural.

Precisamos moita acción colectiva, moito traballo conxunto. E aí hai moito feito mais queda moito por facer.
 
-Que esperas de Sermos nos próximos cinco anos e en que cres que debemos e/ou podemos mellorar?
-Sermos necesita medrar. Como galegas sentimos como unha necesidade vital a creación dun espazo galego de comunicación, de que se faga xornalismo, por suposto na nosa lingua, máis tamén desde Galiza, co noso xeito particular de ver o mundo. E xunto con isto é importante ampliar a base social de apoio, sumar máis cabezas e corazóns ao proxecto de Sermos Galiza. Creo que nestes cinco anos Sermos fixo un traballo espléndido mais agora non é suficiente “consolidarse”, é necesario apostar polo traballo colectivo. Non acomodarse e darse por satisfeitos con ter só lectoras e usuarias é preciso, para ser máis fortes, saír á busca de cómplices, de máis soci@s, de máis amig@s....Porque Sermos necesita que o sintamos como unha obra colectiva.



x