‘Sicixia’ estréase este outubro no Festival de Toulouse

‘Sicixia’ estréase este outubro no Festival de Toulouse
Un fotograma de 'Sicixia'
Un fotograma de 'Sicixia'  

O novo filme de Ignacio Vilar estréase mundialmente o vindeiro 3 de outubro no Festival Cinespaña de Toulouse, o mesmo no que o ano pasado acadaba tres premios grazas a ‘A Esmorga’


‘Sicixia. Paseo polo amor e a Costa da morte’ estrearase no XXI Festival Cinespaña de Toulouse o 3 de outubro, xusto un día despois de que ‘Sísifo confuso’, o documental de Aser Álvarez sobre Paco Leiro se estree no Raindance Festival de Londres. O filme galego continúa a dar pasos cara adiante. E o día 6 o festival acollerá a presentación do filme, xunto cun coloquio co seu director, Ignacio Vilar, e o actor protagonista, Monti Castiñeiras. 

Segundo informa Via Láctea Filmes, ‘Sicixia’ foi concibido “para poñer en valor o inigualable patrimonio material e inmaterial da Costa da Morte así coma o Rapa das Bestas de Sabucedo”. Competirá, logo de ser seleccionada entre 128 longas españolas, con 6 longametraxes na categoría de ficción ante un xurado formado por recoñecidos profesionais do cinema francés.

Compite, logo de ser seleccionada entre 128 longas españolas, con 6 longametraxes na categoría de ficción ante un xurado formado por recoñecidos profesionais do cinema francés

 

Ademais deste festival, a fita será presentada en París o 3 de novembro cun evento moi especial: acompañado de cociñeiros franceses, cataláns, vascos e galegos cociñando algas galegas, que tamén teñen protagonismo no filme, segundo nos confirmou o director. “Agardamos tamén ter distribución en Francia”, explica Vilar, “o público francés quedou impresionado con ‘A Esmorga’ e confiamos que se poida ver alí”. 

E a estrea nas salas galegas, de forma simultánea xunto con Madrid, Barcelona e País Vasco, será o 25 de novembro. O cineasta recomenda velo en cinema polo son, que “é fundamental neste filme”. “É un diálogo entre o documental e a ficción. E na ficción hai unha historia de amor e desamor. O protagonista é un enxeñeiro de son do Arquivo Sonoro de Galicia, que está no Gaiás, e ese arquivo desde hai anos recolle toda a riqueza dialectal do noso idioma. A el encárganlle recoller os sons na Costa da Morte”. 



x