Sicixia, o filme máis poético e persoal de Ignacio Vilar

Sicixia, o filme máis poético e persoal de Ignacio Vilar
Un fotograma do filme
Un fotograma do filme  

SICIXIA

(Galiza 2016, 98 min.) 

Dirección e guión: Ignacio Vilar

Fotografía: Diego Romero Suárez-Llanos

Música: Carlos Vilar e Ignacio Vilar

Elenco: Monti Castiñeiras, Marta Lado, Arantza Villar, Melania Cruz, Artur Trillo, Daniel Trillo, Tamara Canosa

SINOPSE

Xiao traballa de técnico de son recollendo e arquivando sons por toda Galiza. Recibe un novo encargo no que coincidirá con Olalla, unha submarinista que traballa na recolleita de algas e que lle fará de guía polos lugares máis recónditos da Costa da Morte.

CRÍTICA

Sicixia, o filme máis persoal e poético de Ignacio Vilar (Vilamor, A esmorga) até a data, é un canto ao enxebrismo, ao mar e a riqueza que atesoura. Desde o primeiro momento o son, cunha presenza omnipresente, eríxese protagonista catalizador de sensacións que consegue mergullarnos dentro da pantalla da mesma forma, ou mellor, que o faría o máis avanzado 3D, mais sen trebello algún, basicamente valéndose dun estilo semi-documental, con cámara en man, e un potente son envolvente. Cinema experiencia que denota que ter un orzamento limitado non é óbice para acadar a excelencia en creatividade. Monti Castiñeiras (A mariñeira, Serramoura) é Xiao, un tipo enigmático, parco en palabras que prefire escoitar a expresar emocións. Grava os sons da Galiza a través das conversas de mariñeiros, aloitadores, das súas xentes... as tesoiras cortando polbo, o son do ar, o silencio... Tras rematar unha gravación na Rapa das Bestas de Sabucedo trasládase á Costa da Morte para un novo traballo que o levará a unha conserveira de algas. Alí contacta con Olalla, interpretada por Marta Lado (Mellor Interpretación Feminina en Toulouse), unha moza atrapada na inercia do matrimonio con gaña de (re)vivir, que lle fará as veces de guía e cicerone polas paraxes máis enxebres e recónditas da zona. Xiao queda inmediatamente fascinado por un entorno indomábel cheo de lendas onde o ceo é sempre gris, o vento zoa con furia e o mar bate perennemente embravecido. Olalla semella esa flor que sobrevive contra vento e marea e que pode dar sentido a todo. Xorde un amor contraditorio e imposíbel de conter, un amor imparábel que crece e morre ao mesmo tempo... coma o mar. Como di o cartaz: “un paseo polo amor e a Costa da Morte”.

“Sicixia” é o aliñamento de varios corpos celestes mais tamén significa par, en xeral de opostos, que casan, unen ou enganchan

Ignacio Vilar (re)descubre unha palabra esquecida polo tempo que da título e define perfectamente o filme: “Sicixia” é o aliñamento de varios corpos celestes mais tamén significa par, en xeral de opostos, que casan, unen ou enganchan. Pois iso... Completan o reparto Arantza Villar (Urxencia cero), Artur Trillo (Lobos sucios), Daniel Trillo (Urxencia cero), Tamara Canosa (Pradolongo) e Sonia Castelo (Invasor), ademais dunha chea de figurantes non profesionais que narran as súas experiencias no mar, na terra ou amenizan con cantos de taberna. Un sopro de realidade dentro dun filme sensorial que non se pode expresar moi ben con palabras, hai que sentilo. Xunto á excelente actuación de Marta Lado, destaca un gran traballo do director de fotografía Diego Romero Suárez-Llanos (A esmorga, Migas de pan) que logra captar toda a esencia natural e beleza abrupta da Costa da Morte. Cómpre tamén destacar que Ignacio Vilar confírmase coma un referente dentro do audiovisual galego por ser capaz de abrir camiños en prol dun cinema autóctono orgulloso de seu, que cruza fronteiras e triunfa alá por onde pasa sen ter que mudar de idioma, simplemente por ter calidade para elo. Aínda quedan muros que derrubar ao respecto mais axuda a combater eses prexuízos infundados que sinalan ao galego coma unha rémora para triunfar máis alá do país. Ao contrario, é o natural, o conxunto acaba gañando en credibilidade e por riba é un orgullo poder triunfar máis aló das fronteiras sen renunciar ás raíces, tal e como vén de facer en París, Toulouse ou Xixón. Desde hoxe estrea en salas comerciais de todo o país e parte do estado español. Habería que festexalo, non?