"Sicixia", Premio ao Mellor Filme Estranxeiro no WorldFest de Houston

"Sicixia", Premio ao Mellor Filme Estranxeiro no WorldFest de Houston

Ignacio Vilar e Vía Láctea Filmes seguen a darlle boas novas ao cinema galega. A fita “Sicixia” recibiu na noite do sábado o Premio Platinum Remi Award, o máis alto recoñecemento na categoría de filme estranxeiro, no 50º World Fest de Houston.


Competía con 35 longametraxes procedentes de todo o mundo, e Sicixia, a última película dirixida por Ignacio Vilar e producida por Vía Láctea Filmes, obtivo o Premio Platinum Remi Award, o máis alto recoñecemento á mellor fita estranxeira, nun dos festivais de cinema con máis sona, o World Fest de Houston.

Ignacio Vilar recolleu o galardón diante de medio cento de persoas no terceiro festival de cinema máis lonxevo dos EUA, logo do de San Francisco e New York. Trátase da 50º edición dunha cita que comezou o 21 de abril e remata este mesmo domingo, 30 de abril. Concorreron en Houston filmes dos cinco continentes e o país convidado de honra foi a China. Na tarde do domingo, o director galego presentará a proxección da longametraxe e, ao remate, o público terá a posibilidade de participar nun coloquio con el.

Vía Láctea salienta que o World Fest é “o único festival do mundo que posúe dez categorías superiores á competición e recibe anualmente unha media de 4.500 proxectos audiovisuais dos cales só ao redor dun 15% reciben un galardón”. E Sicixia, o paseo polo amor e a Costa da Morte protagonizado por Monti Castiñeiras e Marta Lado, forma parte xa da historia deste encontro internacional de cinema.

Ignacio Vilar e Sicixia pasan así a formar parte dun palmarés no que figuran nomes como Steven Spilberg, George Lucas ou os irmáns Coen

Ignacio Vilar e o seu filme en galego pasan así a formar parte dun palmarés de excepción no que figuran nomes de recoñecido prestixio internacional, como Steven Spilberg, George Lucas, os irmáns Coen, Anga Lee, Ridley Scott ou Brian de Palma.

Sicixia continúa nas próximas semanas dándose a coñecer polo mundo adiante. A sexta 12 de maio estrearase no Cinema Maldà de Barcelona, onde permanecerá en cartel, nun pase diario, até a quinta 18 de maio, coincidindo coa semana das Letras Galegas.



x