XIV EDICIÓN

O simposio "O Libro e A Lectura" reivindicará o papel da ilustración na creación literaria

O simposio "O Libro e A Lectura" reivindicará o papel da ilustración na creación literaria
Kiko da Silva, un dos autores que tomarán parte no simposio
Kiko da Silva, un dos autores que tomarán parte no simposio  

A Asociación Galega de Editoras organizará durante os próximos días 8 e 9 de novembro o XIV Simposio O Libro e A Lectura, nesta edición baixo o lema Libro ilustrado: outra forma de ler. A edición número 14 do simposio reivindicará a importancia da ilustración na creación literaria e terá lugar na sede Afundación de Santiago de Compostela (Rúa do Vilar, 19) cun horario de tarde durante o día 8 e en xornada continua para o 9.

 

O simposio acollerá na capital galega importantes figuras da literatura e contará con tres mesas redondas formadas por representantes da ilustración, edición e librarías: unha sobre a edición do libro ilustrado, na que intervirán Madalena Matoso, editora de Plantera Tangerina e Diego Moreno, editor de Nórdica Libros; outra adicada a banda deseñada onde participan os ilustradores Kiko Dasilva e Carla Berrocal xunto co libreiro Cano Paz; e por último a mesa redonda Olladas ilustradas, que contará coa participación dos ilustradores Xosé Ester García e Carlos Silvar.

 

“Como asociación é a nosa obriga devolver dalgunha maneira aos lectores e lectoras algo. Nunca fixeramos nada arredor da ilustración, das imaxes. É unha débeda co mundo da ilustración”, explicou o presidente da Asociación Galega de Editoras, Xosé Ballesteros, durante a presentación do simposio. A XIV edición do Simposio da AGE contará tamén coas conferencias de Joan Fontcuberta, teórico da comunicación, Ana Garralón, crítica literaria especializada en literatura infantil e xuvenil ou Teresa Durán, escritora e ilustradora.



x