PRIMEIRO DISCO DOS ROLLING DESDE 2005

Os Stones tristes e solitarios

Os Stones tristes e solitarios

O tópico ordena escreber que con Blue and Lonesome os Stones voltan ás súas orixes. Mais iso sería falaz, en realidade os Stones nunca as abandonaron, sempre criaron a partir delas. O que si é certo é que Blue and Lonesome é o primeiro disco en estudo da lendaria banda desde 2005.


O blues está na orixe de todo, a música negra está na orixe de todo, non só da dos Rolling Stones, mais de todo o rock and roll. Niso tiña razón Michael Jackson, a débeda dos brancos coa negritude nunca será paga. No principio, anos 50 do pasado século, estaba a tristeza non impostada de músicos que pola cor da súa pel non podían ser estrelas de consumo masivo, tipos de talento simpar como Muddy Waters, Little Walter ou Jimmy Read. Da dor da súa raza emerxeron ritmos que interpelaban o corazón, o estómago, tamén o cerebro. Todas as paixóns humanas achaban acubillo no blues.

De cofre tan cheo de tesouros apañaron as súas primeiras xemas Jagger e Richards antes de se atreveren a escreber as súas primeiras letras (se Lennon e Mccartney as escreben, por que nós non habemos facer o proprio?). Seis décadas despois, os Stones tiveron a lucidez de falar con Mark Knopfler e pedirlle que, previo pago dunha seguramente cuantiosa suma, lles alugase o seu estudo de gravación londrino. Alí foron para no mes de decembro pasado gravar o seu primeiro cd desde 2005, Blue and Lonesome. Estaban descontraídos, ledos, talvez até Richards recuperou sensacións da amizade perdida con Jagger (por que sempre nos importan tanto as vidas persoais dos nosos heroes musicais?). Tan, tan descontraídos que na primeira sesión no estudo gravaron dunha tiraxe as cinco primeiras cancións do álbum.

Blue and Lonesome factura un set de doce cancións e estará nos trinques o 2 de decembro. The Guardian trombeteaba esta quinta feira a boa nova de que nos achamos perante un verdadeiro disco dos Stones. Palabras maiores.

Con eles habémonos sentir, talvez, algo menos tristes e solitarios.