Teatro do Noroeste celebra o seu 30º aniversario coa representación de ‘Estado de Graza’

Teatro do Noroeste celebra o seu 30º aniversario coa representación de ‘Estado de Graza’
Imma Antonio e Manuela Varela en 'Estado de graza'
Imma Antonio e Manuela Varela en 'Estado de graza'  

As funcións terán lugar no Teatro Principal, en Compostela, desde esta quinta feira até o domingo.


Teatro do Noroeste celebra os seus ’30 anos actuando’ coa posta en escena de ‘Estado de Gaza’ en Compostela. A función terán lugar esta quinta feira ás 20:30h no Teatro Principal,  e estará alí até o domingo. A peza, escrita e dirixida por Eduardo Alonso, está interpretada por Luma Gómez, Imma Antonio, Manuela Varela e Nini True. Con esta representación, a compañía pecha a serie de espectáculos relacionados coa memoria histórica que se iniciou con ‘Imperial: Café Cantante’, ‘Vigo 1936’ e continuou con ‘Glass City’ e ‘Palabras Malditas’.

'Estado de Graza'

A obra, que se contextualiza nos días previos e posteriores á morte de Franco, sitúa certeiras cargas de profundidade que obrigan á reflexión respeito de cuestións transcendentes como as diferenzas xeracionais e de clase, ou a defensa das liberdades individuais fronte ao xugo que impoñen a relixión e as conveccións sociais. O duro enfrontamento entre unha xeración dominada pola beatería máis contumaz e a seguinte que chega coa liberdade por bandeira, queda representada na difícil relación entre unha filla que ansía a liberdade e unha nai dominada polas crenzas relixiosas. 

Teatro do Noroeste é unha compañía de teatro profesional galega fundada en 1987 por Eduardo Alonso e Luma Gómez. Ao longo destes 30 anos ten producido e distribuído 36 espectáculos, todos eles estreados en teatros galegos, dos que fixeron más de 1.250 representacións. Entre esas pezas salientan textos clásicos como ‘Noite de Reis’, de William Shakespeare e ‘As vodas de Fígaro’, de Caron de Beaumarchais; até textos contemporáneos como ‘Os Xustos’, de Albert Camus ou ‘Unha rosa é unha rosa’, de Suso de Toro.