A teoría da relatividade, en galego

A teoría da relatividade, en galego
Presentación da obra no Consello da Cultura, con Díaz-Fierros, Ramón Villares e Jorge Mira [Foto: CCG]
Presentación da obra no Consello da Cultura, con Díaz-Fierros, Ramón Villares e Jorge Mira [Foto: CCG]  

Cen anos despois da publicación desta obra que revolucionou o mundo científico, publícase en galego grazas ao Consello da Cultura a 'Teoría da relatividade' de Albert Einstein


Esta edición galega inclúe a obra revisada, a edición facsímil e dous estudos que contextualizan a obra no mundo científico e no eido galego, e pode descargarse de balde desde a web desta institución. A edición en galego foi realizada a partir da primeira alemá de 1917 por Patricia Buján Otero e con revisión científica de Jorge Mira. A fonte de referencia empregada para esta obra foi a copia dixital publicada en liña polo Max Planck Institute for the History of Science (Berlín). “Tiñamos claro que tiña que ser a primeira, xa que non contén engadidos nin anotacións posteriores” explicou Mira na presentación da obra esta mañá.

 

“Manuel Antonio dedicoulle unha poesía completa á teoría da relatividade”, lembrou Díaz-Fierros

 

A obra inclúe tamén dous estudos, un de Jorge Mira, que sitúa a obra no seu momento, e outro de Francisco Díaz-Fierros, que dá conta da repercusión que tivo na cultura galega. “Albert Einstein modificou o século XX” afirmou Jorge Mira na súa intervención, quen debullou a relevancia tanto do texto e do interese de Einstein de dar a coñecer os seus achados dunha forma comprensible. “Nos albores do século XX eran rara avis as achegas de divulgación científica. Se por riba engadimos o feito de que o autor é o científico máis relevante da época moderna, o valor engadido é enorme e fai desta un pequeno tesouro, tanto polo seu contido e autor como por ser pioneira no eido da popularización da ciencia”.

 

Einstein e a cultura galega

 

No estudo que elaborou Francisco Díaz-Fierros recóllense as referenzas na Galiza daquel tempo a esta obra, desde os artigos de Wenceslao Fernández Flórez ou Julio Camba até o seu impacto entre a comunidade científica, como os matemáticos Juan Durán Loriga, David Fernández Diéguez e Ramón Aller ou o médico Roberto Nóvoa Santos; até os creadores novos como Rafael Dieste, Otero Espasandín ou Manuel Antonio que, alén da súa creación artística, tamén compartían unha acusada afección polas matemáticas.  “Manuel Antonio dedicoulle unha poesía completa á teoría da relatividade”, lembrou Díaz-Fierros.