Teresa Moure gaña o premio Murguía de Narracións Breves

Teresa Moure gaña o premio Murguía de Narracións Breves
Teresa Moure [Foto: Eduardo Castro Bal - AELG]
Teresa Moure [Foto: Eduardo Castro Bal - AELG]  

O relato 'A semântica oculta de Mrs. Hockett', de Teresa Moure Pereiro, venceu no Certame de Narracións Breves Manuel Murguía. Foron segundo e terceiro premio, respectivamente, 'Corazón de Aquiles', de Noelia Cendán Teijeiro e 'Reversible', de Jesús Amboage García.


A escritora Anxos Sumai, como representante do xurado, valorou así as obras gañadoras: “Seleccionamos tres relatos pola súa incuestionable calidade literaria, polas persoais voces narrativas, pola orixinalidade temática e polo impecable uso da lingua. Resultou excitante comprobar que as persoas que formamos o xurado, coincidamos sen apenas discusión en premiar os relatos 'Reversible' de Jesús Amboage, 'Corazón de Aquiles' de Noelia Cendán e a 'A semántica oculta de Mrs. Hockett' de Teresa Moure, de aí que deixásemos constancia na acta de q"ue os premios foron dados por unanimidade. Por entusiasta unanimidade".

E continuou así a explicar as obras finalistas: "Hai nos tres relatos, absolutamente distintos na forma e na historia, algo que os une. Tanto o diálogo coma o conflito –centro mesmo da literatura- son, ao noso ver, a esencia das tres propostas creativas. No caso de 'Reversible', o diálogo, ou a tensión, prodúcese entre rutina urbana do protagonista e o redescubrimento apaixonado do mundo rural e entre uns personaxes, perfectamente construídos, que se entrelazan para dar nun sorprendente final. Canto a 'Corazón de Aquiles', a autora confronta a investigación da ciencia e o desexo infantil de ser heroe, desprazándose con mestría por distintos tempos narrativos e históricos, conciliando a realidade cotiá coa cultura clásica. E, por fin, en 'A semántica oculta de Mrs. Hockett' establécese unha comunicación entre distintas disciplinas: a literatura, a lingüística e as matemáticas, nun fluído xogo —narrado impecablemente, con ritmo e certa ironía— entre narrativa e poesía, entre códigos numéricos e emocións humanas".

O xurado estivo composto por Anxos Sumai (escritora e representante da AELG), Beatriz Rodríguez Rodríguez (profesora da Universidade de Vigo e representante da Asociación Galega da Crítica), Diego Giráldez (gañador da 25ª edición) e Alfredo Ferreiro (coordinador literario, que asistiu como secretario, con voz e sen voto), e decidiu por unanimidade conceder os tres premios mediante o ditame resolto na reunión previa do 22 de abril.

Este premio, que acepta textos en calquera normativa do galego, recibiu 52 textos. Conta coa seguinte dotación: 4.000 € para o primeiro, 500 € para o segundo e 300 € para o terceiro.



x