Teresa Moure e Poetarras, na primeira edición de Escenario Aberto

Teresa Moure e Poetarras, na primeira edición de Escenario Aberto
Poetarras
Poetarras  

Escenario Aberto non é un evento ao uso. Está organizado por alumnos e alumnas da Escola O Raio Verde e pretende ser unha mostra multidisciplinar da cultura galega. 


Os alumnos e alumnas do último ano do ciclo superior de produción audiovisual, radio e espectáculos da Escola Raio Verde de Santiago de Compostela organizan un evento que se realizará no Auditorio de Galicia (Sala Mozart) a cuarta feira 2 de marzo. Escenario Aberto reunirá a diferentes artistas e profesionais da cultura galega nun acto multidisciplinar con novas promesas e figuras consagradas, como Teresa Moure, Poetarras, a cooperativa Cestola na Cachola ou o grupo Break Inclán, entre outros. 

O acto comezará as 20:30 horas e as portas do recinto abriranse media hora antes. A entrada é de balde ata completar aforo. O presentador Pablo Meixe será o encargado de presentar Escenario Alberto, un evento apadriñado por varios negocios da área compostelá, e que reunirá nun mesmo escenario disciplinas tan diversas como o teatro, a música, a ilustración e a danza.  

Escenario Aberto forma parte do proxecto de fin de curso dos alumnos e alumnas do Raio Verde. Dez mozos e mozas que queren promocionar o amplo espectro cultural da nosa terra coa intención de crear sinerxias que deriven en proxectos conxuntos futuros.