XOSÉ CONSTENLA GAÑA O PIÑEIRO CUN ENSAIO SOBRE O “COLAPSO TERRITORIAL”

“O territorio non é un mero espectador”

“O territorio non é un mero espectador”
O xeógrafo Xosé Constenla. Foto: cedida.
O xeógrafo Xosé Constenla. Foto: cedida.  

Reivindicar para a xeografía papel de intervención na vida pública non é o menor dos obxectivos do ensaio co que Xosé Constenla vén de gañar a décimo sétima edición do premio Ramón Piñeiro. O colapso territorial de Galiza. Unha lectura dende o espazo da construción social do país é o título dun tratado cuxo xérmolo se atopa na disonancia entre “a axenda dos grandes partidos políticos e as demandas da xente”. En concreto, aquelas de “base xeográfica ou espacial”.
 


“O territorio non é un mero espectador”, explica Constenla (Santiago de Compostela, 1980), xeógrafo e profesor na Universidade de Vigo. Refírese á incidencia da ordenación espacial, física, nos procesos de reprodución social que acontecen nel. E que, ao ver das teses defendidas no ensaio, atinxen un punto crítico coa “entrada das leis do mercado”. “A xeografía pasa así dunha relación simbiótica entre os humanos e os elementos territoriais á competitividade”, reflexiona. A esa redución da “complexidade e diversidade” denomínaa “colapso ecosocial”.

 

As consecuencias desta situación sintetízaas en dous exemplos. “A perda de poboación, pero non unicamente dunha perspectiva demográfica, senón dos usos sociais do espazo, é a primeira”, esténdese, “a segunda, a perda de biodiversidade: a tendencia cara ao monocultivo, os espazos abandonados, as infraestruturas que homoxeinizan e mercantilizan o país”. O futuro libro -publicarase contra a primavera- de Constenla procura, á fin, “facer unha lectura coherente de cousas que xa se sabían”. A xeografía como “ciencia social analítica e non unicamente descritiva”.

 

“Na última década, nos anos dez, emerxeron unha serie de cuestións e demandas de base territorial que non viñan desde as cúpulas dos partidos”, argumenta, “senón desde abaixo”. Formúlannas asociacións de veciños, agrupacións culturais, organizacións ecoloxistas. “Desde Nunca Máis a Galiza non se vende, a oposición á megaminaría ou ás psicifactorías”, concreta.

 

Como todo científico social consciente, Xosé Constenla é, ao tempo, pesimista e optimista. As agresións ao territorio, que simbolizan “a proliferación de parques empresariais e conseguinte mercantilización do chan”, lévano a expresar a seguinte disxuntiva: “Eu pregúntome que xera máis valor social, se unha agrupación cultural, unha fraga, ou unha estación intermodal, un parque empresarial. E non quero dicir que unha intermodal ou un parque empresarial estea mal. É a falta de planificación o que critico”. Mais, segundo a súa opinión, o retorno a antes non é unha opción.

 

“A cuestión que analizo no libro é irresolúbel, inxestionábel e irreversíbel. Non podemos volver á socialdemocracia, ao keynesianismo, aos paradigmas emanados da modernidade industrial”, considera. Os límites ecolóxicos do planeta son cadora máis evidentes e apenas unha reformulación dos vínculos dos seres humanos coa natureza máis alá da dominación e a submisión permiten albiscar saídas.

 

“O dereito do territorio, non o dereito ao, senón do territorio, que xa inclúen algunhas constitucións latinoamericanas, resulta fundamental”, engade, “así como delimitar áreas en que aínda hai complexidade. Serían o xérmolo a partir do que reformar o colapso en curso, irmos tecendo en rede”. Só unha cousa ten clara: “Coas ferramentas habituais, non podemos resolver os problemas que padece Galiza”.

 

O colapso territorial de Galiza será publicado por Galaxia, entidade que, xunto á Secretaría Xeral de Política Lingüística e coa colaboración de Gas Natural, convocan o premio Ramón Piñeiro de ensaio. “Boaventura de Sousa Santos di que xa non hai intelectuais de vangarda, senón de retagarda, que dotan de soporte e contido político á vangarda. Que son os movementos sociais e cidadáns. A iso quero contribuír eu”, conclúe.



x