CRÍTICA DE CINEMA DAS SEXTAS FEIRAS

The big sick, un filme romántico honesto e entretido

The big sick, un filme romántico honesto e entretido
Un momento do filme
Un momento do filme  

THE BIG SICK

(EUA 2017, 120 min. – Comedia romántica) 

Dirección: Michael Showalter

Guión: Emily V. Gordon e Kumail Nanjiani

Fotografía: Brian Burgoyne

Música: Michael Andrews

Elenco: Kumail Nanjiani, Zoe Kazan, Holly Hunter, Ray Romano, Anupam Kher, Zenbia Shroff, Adeel Akhtar, Bo Burnham, Kurt Braunohler

 

SINOPSE

Kumail inicia unha relación con Emily pese á presión da súa familia, que segue fiel á tradición paquistaní dos matrimonios concertados. Non só terán superar os prexuízos culturais, senón tamén unha grave enfermidade que complicará aínda máis as cousas.

 

CRÍTICA

Hai tempo que xa cheira a teima de traducir “libremente” os títulos para a distribución en salas comerciais do noso país e máis do estado. The Big Sick chega como A gran enfermidade do amor, é dicir, para quen non teña moitos coñecementos do idioma de Shakespeare, limitáronse a engadir “...do amor” como apósito ao final da frase cun fin que só sabe o/a iluminado/a que tivo a ocorrencia. Con esta simpleza, que semella tan inocente, pode incitar ao engano, pois facilmente pódese pensar, sen fallo, que se trata dun filme melindroso, doutra comedia romántica máis, o cal pode espantar o verdadeiro público potencial a quen vai dirixido o filme: xusto aquel que está farto dos clixés das comedias románticas. Por outra banda pode decepcionar a quen entre na sala crendo ir ver unha peli romántica máis que lle proporcione ese anaco de desconexión tan necesaria... pero The Big Sick non é unha peli romántica do montón, e de feito fai pensar.

 

Para comezar, trátase dun filme da factoría Apatow (Virxe aos 40, Superfumados) polo que xa intuímos que a cousa, cando menos, contará con moita retranca. Está dirixido por Michael Showalter, director, escritor e actor norteamericano centrado na televisión con esporádicos intentos en cinema con dúas comedias románticas previas: The Baxter (2005) e O meu nome é Doris (2015). Con The Big Sick semella dar un pulo importante a súa carreira. A trama está baseada na verdadeira historia de como se coñeceron a parella formada por Emily V. Gordon, interpretada por Zoe Kazan (Ruby Sparks, Amigos de máis) e Kumail Nanjiani, cómico de orixe paquistaní que se interpreta a si mesmo. Ambos encargáronse da ardua tarefa de escribir o guión da súa propia historia de amor.

 

Kumail trata de facerse un oco no mundiño da comedia facendo monólogos polos bares. Un día coñece Emily e inician unha relación. Kumail sabe de antemán que está a comezar algo que non será aceptado pola súa familia, aínda fiel á tradición ancestral paquistaní dos matrimonios concertados. Xusto cando parece que vai ser unha versión paquistaní de Adiviña quen vén esta noite (1967, Stanley Kramer) muda de súpeto nunha sorte de Amour (2012, Michael Haneke), en “modo lixeiro”, claro... Unha enfermidade rara deixa en coma Emily, polo que a incipiente historia de amor muda nunha de autocoñecemento e valentía ante situacións que soen provocar verdadeiro pánico escénico. Señoras e señores, o paralelismo está servido...

 

Completan o reparto outro cómico famoso, Ray Romano (famoso nos EUA, claro) e a xenial Holly Hunter (O piano, Crash), ambos, respectivamente, nos roles de pai e nai de Emily. 

 

Sen buscar ser emotiva de maneira consciente, The Big Sick si consegue emocionar por momentos, sobre todo cara ao final, e antóllase como unha inspiradora historia de amor realista (por fin) capaz de superar as adversidades dunha enfermidade asemade das barreiras que supoñen os prexuízos raciais da sociedade e dunha familia con tradicións ancestrais de corte machista. Tampouco pensen que vai ser unha panacea que marque tendencia á hora de abordar as comedias románticas, pero cando menos é honesta, orixinal e moi entretida.



x