CRÍTICA DE CINEMA DAS SEXTAS FEIRAS

The Dark Tower: moito mellor ler a novela

The Dark Tower: moito mellor ler a novela
Un fotograma do filme
Un fotograma do filme  

The Dark Tower

(EUA 2017, 95 min.) 

Dirección: Nikolaj Arcel

Guión: Nikolaj Arcel, Akiva Goldsman, Anders Thomas Jensen, Jeff Pinkner

Fotografía: Rasmus Videbaek

Música: Junkie XL

Elenco: Idris Elba, Matthew McConaughey, Tom Taylor, Katherine Winnick, Jackie Earle Haley, Dennis Haysbert, Abbey Lee, Fran Kranz, Claudia Kim, José Zúñiga

 

SINOPSE

Jake é un rapaz que vive en Nova Iorque que ten uns soños recorrentes: un home de negro trata de destruír unha Torre Escura mentres un pistoleiro trata de darlle caza. Pronto descobre que son algo máis que soños.  

 

CRÍTICA

Calquera fan de Stephen King tiña xa, desde fai tempo, marcado en vermello no calendario a estrea d’A Torre Escura, mais os rumores e as críticas negativas non tardaron en aparecer. Por suposto, e como soe pasar case sempre nestes casos, hai que velo para crelo. E así foi... Se pensabamos que con Suicide Squad non se podía caer máis baixo, estábamos sendo demasiado optimistas. 

 

Para comezar non se trata dunha adaptación concreta de ningún dos libros saídos do maxín do escritor de Maine, senón dunha sorte de continuación, ou fan-fiction, que utiliza as personaxes da extraordinaria serie literaria A Torre Escura para convertela nunha historia insulsa, rutineira e mediocre. 

 

Pero... como pode ser isto?... se contaba con todos os ingredientes para ser un filme épico: tiña reparto, historia, equipo técnico e un orzamento multimillonario de máis de 60 millóns de dólares. Encabezando o reparto temos un Mathew McConaughey, nada menos que gañador dun Óscar por Dallars Buyers Club, que se pon na pel d’O Home de Negro e un Idris Elba (Beast of No Nation) que fai propio co rol d’O Pistoleiro; no guión conta coa participación de Akiva Goldsman, gañador dun Óscar a Mellor Guión Adaptado por Unha mente marabillosa; e na produción, entre outros, un Ron Howard que posúe dous estatuíñas de Hollywood, tamén por Unha mente marabillosa

 

Uns vimbios envexábeis para construír calquera película, cando menos, con absoluta solvencia, así que... cales foron os motivos que puideron conducir esta esperada superprodución a niveis de filme de sobremesa da talla de cobre-grellas coma Cancadrilo contra Sharknado ou Transmorphers contra Crocorobot? Unha pista poderosa podémola atopar en que o proxecto foi pasando de mans tal ca unha pataca quente. Primeiro foi J.J. Abrams, que tardou pouco en abandonar o proxecto, e pouco máis tarde chegou Ron Howard que, tras ver o panorama que se lle viña enriba, quedou coma produtor deixando a papeleta ao danés Nikolaj Arcel (Un asunto real) no que sería a súa primeira incursión no cinema ianqui... e que debut! De seguro que pensou varias veces en firmar co pseudónimo de Alan Smithee. Obviamente non lle deixaron.

 

Nótase de lonxe que meteu man (ata o cóbado) a produtora que incluso ordenou, durante a postprodución, facer novas secuencias que logo foron incrustadas nunha montaxe desganada e desconcertante que fai fraco favor a unha historia, xa de por si, incoherente e carente de estrutura narrativa. En troques de haber unha historia fantástica chea de capas, vomítase a típica historia da loita do ben contra o mal, contada mil e unha veces, repleta de clixés estereotipados arredor dunhas personaxes carentes de complexidade e, por veces, ridículas, a pesar do énfase que lle poñen aos seus “elaborados” discursos. 

 

A preocupante carencia de enxeño, no deseño de produción e nos efectos especiais, disfrázase con patética nocturnidade e aleivosía. De feito se che din que o filme é da década dos 80 e está producido por Golan-Globus, créelo sen máis. En definitiva, un filme feito sen ganas onde calquera parecido coa novela de Stephen King é mera coincidencia. Non perdan o tempo e lean as novelas.