CRÍTICA DE ROCK E OUTRAS LERIAS

The New Roses: o mellor rock está no seu novo traballo

The New Roses: o mellor rock está no seu novo traballo
The New Roses
The New Roses  

Sempre dixen que no referente ao rock, Alemaña é un mundo aparte. Cando o rock e o metal está normalizado de tal xeito que podes ver na televisión bandas de metal en horarios de máxima audiencia ou escoitar bandas como Accept ou Kreator no fío musical do supermercado é normal que os combos que xorden non país teutón leven o rock no sangue. Tal é o caso de The New Roses, que editaron seu primeiro EP no ano 2012 e chegan ao 2017 co seu terceiro Lp, One More For The Road, amosando as novas xeración o que é o rock.


One More For The Road  son 11 temas de hard rock da vella escola. Ese rock que naceu nos 70 e chegou a maioría de idade nos 80, cando vestíamos con elásticos encarnados, e pasabamos horas coidando o cardado dos guedellos. The New Roses collen ese espírito do hard rock, para lanzalo nesta segunda década do século XXI como algo fresco e actual que nos retrotrae a tempos mellores, musicalmente falando. Atopamos influencias moi potentes do rock do sur, lembrando por momentos nos seus riffs a ZZ Top  e uns solos dos que devolven a fe nos guitarristas.

 

Life Ain’t Easy (For a Boy With Long Hair) foi o sinxelo de adianto do disco escollido. Un tema melódico e pegadizo, que comeza como de xeito acústico para pasar a un blues rock  que nos conta unha historia que para moitos é moi familiar. Un tema cuxa beleza e musicalidade recae na súa sinxeleza, que lembra por momentos Bob Seeger. Este tema é un resumo do que nos dá a banda. O clásico riff  co que abre o plástico Quarter to Twelve,  con screaming incluído, xa indica o que o grupo nos vai a ofrecer, dicindo ás nosas orellas que nos espera unha descarga tras outra de hard rock e a quen non lle guste, que marche a outro lado, porque isto é territorio pentatónico.  

 

Este é un traballo cargado de himnos e pezas chamadas a converterse en clásicos. Xunto cos anteriormente mencionados, sorprende Dancing on a Razor Blade, un tema feito para bailar e que onde dará máis de si é nos directos, cuns retrousos roqueiros feitos para cantar a pleno pulmón namentres os graves cortantes golpean directamente no peito. Mais o verdadeiro himno do disco é Every Wild Heart, cunha harmonía puramente oitenteira e unhas guitarras que, como quen non quere a cousas, fan un divertimento que converten este tema no mellor que até agora compuxo a banda. 

 

Fight You Leaving Me é esa balada imprescindíbel en calquera disco de hard rock  dos oitenta. Un tema sentido, que mestura as partes acústicas cos medios tempos cortantes e definidos e que deixa claro por que sempre se dixo que as baladas heavys eran as mellores. Con One More For The Road, completamos os temas imprescindíbeis, dentro do medio tempo e da calma relativa, onde os clásicos “yeah, yeah, yeah”  do retrouso estarán sen dúbida reservados para que o público os cante nos directos.

 

Como era de esperar, The New Roses,non defraudan co seu novo traballo, no que ademais agasallan con tres bonus tracks. Un álbum e unha banda de puro rock, co que desfrutaremos da vella escola e coa as novas xeracións teñen a posibilidade de descubrir que é o rock.

 

VIDEO -THE NEW ROSES – LIFE AIN’T EASY (FOR A BOY WITH LONG HAIR) https://youtu.be/geWBpXnUTS4

 

THE NEW ROSES NAS REDES

Web: http://www.thenewroses.com/

Facebook: http://www.facebook.com/thenewroses

Twitter: @TheNewRoses

 

LISTAXE DE TEMAS

01. Quarter To Twelve

02. My Own Worst Enemy

03. Forever Never Comes

04. Dancing On A Razor Blade

05. Consider Me Gone

06. Life Ain’t Easy (For A Boy With Long Hair)

07. Every Wild Heart

08. Fight You Leaving Me

09. The Same Moon

10. Piece By Peace Of Mind

11. One More For The Road

12. Do I Look Scared To You (Bonus Track)

13. The Storm (Bonus Track)

14. Nitro Nights (Bonus Track)

 



x