ENTREVISTAMOS KIKO DA SILVA

“Todos os convidados que traio de fóra preguntan por Castelao”

“Todos os convidados que traio de fóra preguntan por Castelao”
[Imaxe: Ana Rey] Kiko Da Silva, en Viñetas desde o Atlántico
[Imaxe: Ana Rey] Kiko Da Silva, en Viñetas desde o Atlántico  

Ilustrador, historietista, editor... Kiko Da Silva (Vigo, 1979) é o nome propio sobre o que pivota a XX edición de Viñetas desde o Atlántico, a cita nacional do cómic. Pai do célebre Fiz, de Fiz nos biosbardos, foi creador da publicación BD Banda e da revista satírica Retranca. O autor, que conta con múltiples recoñecementos, fai un alto nos compromisos do Salón do Cómic da Coruña para conversar con Sermos Galiza sobre a banda deseñada e a ilustración. Eis un extracto da entrevista publicada no semanario.


4Que podemos atopar na túa exposición de Viñetas?

Son 70 orixinais. Participo en dúas exposicións, na miña, como autor convidado, e na de 20 anos de BD. Na exposición persoal quixen amosar, máis que unha especie de antoloxía, traballos que estaban sen publicar, traballos que estou a facer agora: A sombra das pedras flotantes, libro que está na recta final, ou Castelao, alma galega, que estou facendo para Galaxia con axuda de cinco alumnos do Garaxe Hermético. Tamén o último libro de Fiz, un personaxe que creei para Golfiño e que segue a gustarlles aos rapaces. É un libro curioso porque é un curso de cómic feito historieta. E quixen amosar ilustracións tridimensionais que quixen facer para Kalandraka, para Galaxia, para algún xornal... Tamén preparei sorpresiñas para o público, como unha escultura de Fiz, unha pedra flotante, unha recreación do meu estudo...

 

Facías mención a Castelao. Que supuxo para a historia da ilustración na Galiza?

Aquí os galegos non valoran o suficiente o talento de Castelao, que é a gran figura galega da ilustración. Admírano todos. Eu cada vez que traio un convidado de fóra, sexa español, portugués ou francés, todos me preguntan por Castelao e todos queren ir ao Museo de Pontevedra a ver a obra de Castelao. Realmente, temos moito que aprender dunha visión nun momento difícil, o que fixo ten o valor de facelo nun momento tan duro como a represión. Ten unha visión galega, pero europea e mundial, acabou marchando a outros países e traía ao que el lle interesaba de alí, e reconvertíao, e enriquecía a nosa Galiza con cousa de Sudamérica, Alemaña, Francia...

 

[Podes ler a entrevista íntegra no Sermos Galiza 258, á venda na loxa e nos quiosques habituais]



x