ENTREVISTAMOS AS TANXUGUEIRAS

“O tradicional puro está moi ben, pero debemos avanzar”

“O tradicional puro está moi ben, pero debemos avanzar”
[Imaxe: Cedida] Tanxugueiras
[Imaxe: Cedida] Tanxugueiras  

Se non as coñecen, anoten o seu nome e busquen os seus vídeos pola rede. Son o hype, a revelación da música tradicional galega. Chámanse Aida Tarrío –de Aguiño, Ribeira– e Olaia e Sabela Maneiro (irmás, de Teo) e levan todo o verán cantando de festa en festa. Non teñen complexos e prometen disco para 2018. Atendan á xogada, que o século XXI está aquí. Eis un extracto da entrevista publicada no Sermos Galiza 260.


3Parece que ides na onda de Xabier Díaz, que di que a nosa música tradicional ten que ser o noso pop.

SM. Si, eu creo que non nos podemos ancorar no pasado. O tradicional puro está moi ben, é algo que nos acompaña desde hai moitos anos, pero eu creo que debemos avanzar. Eu quero que o día de mañá se poida dicir Sabela Maneiro deixou isto aquí. Podemos cantar, podemos recoller, pero de 200 anos para aquí o tradicional é todo igual. Por que non se poden facer unha muiñeira ou unha xota composta? Todo isto trae moita controversia, pero eu creo que non é negativo que medremos xuntos a partir diso e darlle unha volta á música tradicional. Non se cantaba con voces, e que? E se cadra o día de mañá o tradicional será cantar con voces. Porque antes desas mulleres non sabiamos o que había, se cadra é completamente distinto ao que hoxe coñecemos.

 

Estades a preparar un disco e aí fixaredes cal é o estilo Tanxugueiras.

SM. Nós temos claro que o tradicional nos gusta, pero queremos cantalo sen ter que cantar como as señoras, porque as señoras, antes de ser vellas, eran novas e sabe deus como cantaban.

AT. Iso está moi ben para un traballo etnográfico, está moi ben que o fagan as asociacións para conservar o patrimonio, pero penso que todo o mundo ten o dereito, se quere, a darlle unha volta á música tradicional, sen perder a súa esencia. Nós o que estamos intentando, e creo que o estamos a conseguir aos poucos, é que unha persoa que non podía escoitar un concerto dunha hora e media de pandeireta aguante. A nós impresiónanos tocar en bares nós as tres soas, e dicimos, “mimá, hora e media de pandeireta e voz, aguantamos nós porque temos que aguantar”, pero a xente segue aí. Hai xente que nos manda mensaxes do tipo “nunca pensei escoitar pandeireta e voz e que me gustase”. E creo que Xabier Díaz tamén o está conseguindo moito.

 

[Podes ler a reportaxe íntegra no número 260 de Sermos Galiza, á venda na loxa e nos quiosques habituais]



x