Tribalistas volven por sorpresa 15 anos despois

Tribalistas volven por sorpresa 15 anos despois
Carlinhos Brown, Marisa Monte e Arnaldo Antunes na presentación
Carlinhos Brown, Marisa Monte e Arnaldo Antunes na presentación  

Un dos maiores fenómenos da música brasileira recente, Tribalistas, anunciou onte por sorpresa e a través de Facebook que volven xuntarse. Que vai haber novo disco da suma de Marisa Monte, Arnaldo Antunes e Carlinhos Brown. E xa ceibaron catro pezas. 


As súas músicas tiveron alcance mundial e medio planeta cantaruxaba aquilo de "eu sou de ninguem, eu sou de todo o mundo, e todo o mundo me quer bem" do tema 'Ja sei namorar'. Aquela xuntanza excepcional de tres grandes como Monte, Antunes e Brown xurdiu de casualidade logo de que Marisa fose colaborar no disco de Arnaldo do que Carlinhos era produtor. Alí saltou a chispa, que só deu como froito un disco homónimo publicado en 2002. Nunca se presentaron e nunca fixeron unha xira grande, pero venderon máis de dous millóns de discos en todo o mundo.

 

O anuncio, emitido en directo a través do Facebook, vírono máis de cinco millóns de persoas de 52 países

 

Desde aquela até agora só volveron manifestarse ao publicar un tema, 'Joga Arroz', en 2013 para apoiar o casamento entre persoas do mesmo sexo en Brasil. 

 

E onte, sen previo aviso, contaron en directo a través do Facebook (as roldas de prensa xa fican vellas) que van publicar a finais de novo álbum en formato dixital, e xa ceibaron catro dos temas que incluirá: "Diáspora", "Um só", "Fora da memória" e "Aliança", que poden verse tanto no seu Facebook, como no Youtube ou en plataformas musicais online como Spotify ou Deezer. 

 

Durante o anuncio, os tres músicos contaron o proceso que os trouxo até este punto e responderon ás preguntas dos fans. Antunes dixo que o novo álbum fora gravado coa mesma "espontaneidade" do primeiro, e tamén co mesmo equipo humano e técnico. Monte, pola súa banda, explicou que todo se teceu hai ano e medio e que se mantén o "espírito colectivo, o pracer de estarmos xuntos, o trazo autoral e o proceso inmersivo". 

 

A resposta dos e das ouvintes non se fixo agardar. Máis de cinco millóns de visionados en 52 países a través de Facebook e centos de milleiros de compartillamentos, ademais de seren xa os temas máis vendidos en iTunes Brasil. É o exitoso regreso dun trío que vale máis por xunto que a suma das partes. 



x