CRÍTICA DE CINEMA DAS SEXTAS FEIRAS

Tempo de xogos e barbarie nazi

Tempo de xogos e barbarie nazi
Un fotograma do filme
Un fotograma do filme  

Un sac de billes

(Francia-Canadá-Rep. Checa 2017, 110 min.) 

Dirección: Christian Duguay

Guión: Jonathan Allouche, Christian Duguay, Alexandra Geismar, Benoît Guichard

Fotografía: Christophe Graillot

Música: Armand Amar

Elenco: Dorian Le Clech, Batyste Fleurial, Patrick Bruel, Elsa Zylberstein, Bernard Campan, Kev Adams, Christian Clavier, César Domboy

 

SINOPSE

II Guerra Mundial. París está ocupado polos nazis. Ante o avance antisemita, a familia Joffo vese obrigada a fuxir. Os pequenos Maurice e Joseph deberán viaxar pola súa conta por toda Francia para se reunir de novo cos seus pais nunha zona libre do sur... mais non será doado.

 

CRÍTICA

Adaptación da famosa novela homónima de Joseph Joffo sobre as súas propias memorias durante o tempo de ocupación nazi. Jojo (Dorian Le Clech), como adoitaban chamarlle de cativo, é o irmán menor dunha familia xudea residente en París. Anda nesa idade de non pensar noutra cousa que xogar as bólas e divertirse xunto ao seu protector irmán maior Maurice (Batyste Fleurial), ao que venera e co que vai a todas partes. A súa familia rexenta unha perruquería, só para xudeos por orde alemá. Cando as cousas comezan a poñerse complicadas, deben tomar a determinación de fuxir, pero deben facelo separados para non levantar sospeitas. Así comeza o periplo de Jojo e Maurice por toda Francia, unha viaxe chea de perigos, desafíos e anécdotas que quedará marcada a lume na mente do pequeno Joseph e que será a base da novela que escribirá anos despois. 

 

A historia xa fora levada á gran pantalla en 1975 por Jacques Doillon, agora é a quenda de Christian Duguay (Scanners 2, Caza ao terrorista) que presenta o seu mellor traballo até a data: un filme épico cheo de humanismo e fraternidade con tantas casualidades, azar e saídas gloriosas como tiña O imposíbel (2012, J.A. Bayona), pero moito menos sentimentaloide. Iso si, a partitura de Armand Amar encárgase de apuntalar os momentos álxidos de dramatismo, que tamén os hai...

 

Unha bolsa de bólas é un filme repleto de personaxes secundarias, personaxes coas que se van atopando os irmáns protagonistas na súa particular fuxida cara á liberdade. Mais a actuación dos irmáns é suficiente para sustentar por si mesma o conxunto, sobre todo pola limpa mirada do máis pequeno. Fantástica evolución. As estrelas francesas Patrick Bruel (O nome), como pai da familia Joffo, e a colaboración especial de Christian Clavier (Os visitantes), no rol de médico xudeo, aportan a bagaxe de caras coñecidas. 

 

Os cambios de ubicuidade logran manter o pulso narrativo que nunca decae de todo malia que non todas as pasaxes estean ao mesmo nivel, por exemplo na que se reencontran por primeira vez cos seus pais no sur de Francia resulta bastante precipitada, con todo estamos a falar das memorias dun neno así que, se xa de por si a mente é selectiva coas lembranzas, para cando máis ás dunha crianza... 

 

Consegue manter a tensión durante case todo o tempo facendo que esteamos alerta mantendo a sensación de perigo constante sobre as cabezas destes dous irmáns (e familia). Ademais contén varias secuencias memorábeis: eles dous andando polas montañas, o violento adestramento paterno para negar a condición xudea, o acto de coraxe de Joseph para salvar unha familia de colaboradores ou aprender a manter o sorriso contra o fascismo, a mellor arma contra a intolerancia... 

 

Ademais de lembrar a importancia de manter a memoria histórica, trátase dunha bonita historia chea de optimismo, e con certo aire folletinesco, que trata de nos reconciliar co mellor do ser humano repetindo, unha e outra vez que, no lugar máis insospeitado podemos atopar unha man amiga que nos pode axudar a saír do apuro. 



x