PRESENTA "..E OS DOMINGOS, UN CROISSANT"

Úrsula Heinze: “A escritura sempre foi a miña salvación”

Úrsula Heinze: “A escritura sempre foi a miña salvación”
Úrsula Heinze
Úrsula Heinze  

Cando a escritora ingresa no sanatorio psiquiátrico a causa dunha depresión, o caderno e o bolígrafo son os seus compañeiros. Úrsula Heinze presenta ... e os domingos, un croissant (Alvarellos) o día 23, Día do Libro, ás 19.30 no Sanatorio "La Robleda". 


A literatura é, para Úrsula Heinze, a terapia coa que se sandar e mostrar a través da súa escrita ese mundo descoñecido. En …e os domingos, un croissant (Alvarellos) ofrece a crónica diaria da súa estadía no centro. Para a autora, este é o “seu libro”, así, con carácter singular e único na súa ampla bibliografía. 

-Por que decide escribir o diario dos dous meses que pasou no sanatorio psiquiátrico?

A escritura sempre foi a miña salvación. Botei man dela en épocas de ruptura, e esta foi unha delas. Podo vivir coa depresión, mais o ano pasado a lumbalxia agravou o panorama. Cada vez ía a peor; levantábame mareada, necesitaba axuda médica que non me podían dar no hospital. Cheguei ao sanatorio psiquiátrico e dei co doutor Ramos, un médico novo con grande humanidade e entrega aos pacientes. Con el podía falar horas e recomendoume facer algo, centrarme nunha actividade. Preguntoume que me gustaría facer e non dubidei na resposta. Tiña claro que necesitaba escribir e para min foi como unha terapia. Tiña un caderno e andaba todos os días con el polo centro. Cando oía algo que me interesaba, apuntaba. Para min ese exercicio foi sandador, mais tamén me interesaba para cambiar a idea do público, que non sabe o que é un sanatorio psiquiátrico. A xente pensa que os que están alí son tolos de remate, unha idea alimentada polas películas. 

-Alí descobre xente de todo tipo...

Estaba sobre todo con persoas con depresión e sorprenderíaste se coñeceses os perfís. Había actrices, xente de televisión, médicos, mestres -moitísimos- ou dous excuras. De todas as profesións e idades. Rimos moito, a verdade. Cando xa estaba mellor, pensei que había que apuntalo todo e decateime de que moitos dos que andan fóra poderían estar ingresados. Era un ambiente pacífico, relaxante. Tanto os sanitarios coma as mulleres da limpeza son xente de moi bo humor. É coma se fixesen un curso de como tratar a xente. Son moi amábeis, e iso foi tamén a razón para facer o libro. Para dar a coñecer un mundo que fóra a xente non imaxina. Tamén é certo que no piso superior había casos graves, e abaixo escoitabamos os ruídos e os berros. Estando alí decateime do privilexiada que son, porque vin persoas a chorar, que querían saír e non sabían para onde ir. 

 “Este é o meu verdadeiro libro, son eu, o que digo e o que sinto”

-Que significa o croissant que leva a título do libro?

Todos os días son iguais. O croissant significaba que era domingo. Identificaba o día como especial. Ás veces non sabías en que día da semana vivías, mais, se chegaba o croissant, recoñecías que se trataba do domingo. 

-Escribir un diario do paso por un psiquiátrico deixa á vista moita valentía. 

Sempre digo que con cincuenta anos non o había facer, porque me ispo no libro, mais agora dáme igual a opinión da xente. A min afectábanme moito as críticas persoais. Sendo alemá cheguei a sentir que me chamaban de todo, e sufrín por iso. Agora non me afecta. Quería dicir o que realmente sinto, vivín e vivo. Non son memorias; é un diario. Cando lle dicía a algunha xente que estivera internada, estarrecíanse. Agora son eu a que quero dicilo publicamente, aínda que ben sei que haberá quen pense que sempre estiven tola. Quero deixar claro que fun a un sanatorio psiquiátrico; un sitio moderno, que te coidan, que falan contigo. Interiormente estaba rota e tentaba ter actividades para non pensar. Iso impedía que escribise poesía, porque non podía controlar as ideas. Ás veces estaba escribindo e chorando ao pensar, por exemplo, que xa non podía viaxar máis. Lembro os momentos bonitos, os amigos que tiña polo mundo e algúns que xa non están, e sinto moita tristeza. Por iso non vou escribir nunca as memorias. 

-Dalgunha maneira, vostede convértese en cronista privilexiada do que vive dentro do centro?

Mais tamén vivín como paciente, estando mal, chorando. Cando fun alí non podía máis e axudáronme, desde logo. O segundo mes paseino realmente ben e alí fun feliz, como levaba tempo sen ser. Gustaríame presentar o libro no sanatorio e contar co xitano guitarrista, que pon a alma no que toca e que tantas tardes nos fixo cantar e bailar. 

"Cando che dan abrazos, se te tratan con cariño, é máis doado sandar. Eu levaba moito tempo sen escribir e cando comecei o médico dicíame que o primeiro paso estaba dado". 

-Nalgún momento escribe que dentro atopou moitas persoas con biografías que darían para novelas. 

Se volvese alí, entrevistaría varias persoas que poden contar moito, con vidas moi interesantes. Gustaríame regresar e convivir outra vez, para coller confianza e que me conten as súas historias. Comigo sei que o farían. 

-Ao ler o diario lembrei dous libros seus que foron pioneiros, Mulleres e Arredor da muller en 18 mundos, nos que se achega, a través de entrevistas, a mulleres coñecidas e anónimas.Tivo a sensación de se atopar agora cunha materia literariamente interesante?

Trátase de xornalismo literario, mais, malia seren como dis, pioneiros, non tiveron moita fortuna. O das mulleres anónimas nin se chegou a presentar. Dalgunha maneira, este libro supón tamén o encontro con outras persoas, que son protagonistas do que conto. 

-Que papel ocupa na súa xenerosa conta de libros?

Este é o meu libro, sen ningunha dúbida. O demais é inventado, que bebe das vivencias mais disfrazadas. Con moita presenza das viaxes, os lugares exactos e as historias son literaturas. Este é o meu verdadeiro libro, son eu, o que digo e o que sinto. Na literatura estou sempre de lado, contemplo. Póñenme a estampa de literatura infantil, cando iso foi ao principio e por encargo. Ninguén vai recoñecer que fun iniciadora da novela para rapaces e non o verás escrito. Cando entrou o galego nas escolas, Xerais encargoume un libro infantil, de verdade. A miña filla tiña cinco ou seis anos e pedíame algo en galego, e deille voltas, e decidín aceptar. En Quérote escribín unha historia de amor de dous adolescentes, que nunca se tocara, e en Xente coma min a historia dun drogadicto que me comentou a súa vida. Son obras de xornalismo literario que quedaron aí. 

-Contra o que poida parecer, o libro non é triste, aínda que a autora confesa padecer depresión no momento da escrita.

É o que non quería. Quería demostrar que nestes sitios se pode vivir ben, en especial pola seguridade da atención médica. Non son tristes. Da depresión esquéceste. Os que traballan alí son moi amábeis, aténdente ben. Discutín co médico porque el dicía que dentro era un mundo irreal e fóra estaba o real. Para min o real estaba dentro, xa que fóra tes que mentir constantemente. 

-O libro é tamén un emocionante canto ao cariño, ao afecto, en definitiva, á caricia, á palabra e ao abrazo que curan. 

Esa é a frase do libro. Quero destacar que, para o meu ver, é o importante tamén para se recuperar. Cando che dan abrazos, se te tratan con cariño, é máis doado sandar. Eu levaba moito tempo sen escribir e cando comecei o médico dicíame que o primeiro paso estaba dado. Se non chegase a ese extremo de desesperación, non había coñecer ese lugar, co cal mesmo o vexo como unha sorte, xa que agora teño un salvavidas. Fixen o libro con moita ilusión e despois de moito tempo sen escribir. Tanto me ten o que pense a xente. 

 

A entrevista foi publicada no número 136 do semanario Sermos Galiza canda un adianto editorial do libro. 



x