LOGO DE 14 CONCERTOS POR TODO O PAÍS

Uxía e Narf volven dunha xira histórica polos EEUU

Uxía e Narf volven dunha xira histórica polos EEUU
Uxía e Narf, nun encontro esta mañá con amigos e prensa
Uxía e Narf, nun encontro esta mañá con amigos e prensa  

Volveron para contalo. Uxía e Narf veñen de regresar dunha xira histórica polos Estados Unidos que probablemente sexa a máis ampla realizada por unha formación cantando en galego. Percorreron 14 auditorios, de costa a costa por sete estados nos que ampliaron os límites da Galiza imaxinaria. 


Todo comezou cando unha lectora da Universidade de UCLA (Os Ánxeles) lles propuxo facer un concerto na súa universidade. Chámase Marina Carracedo e é de Barxacova, unha pequena aldea das Portelas, a zona de Zamora que aínda fala galego. A partir daquel concerto, Carracedo argallou unha xira completa por un dos mercados da música máis difíciles de abordar. Poucos artistas galegos puxeron alí o pé: Carlos Núñez, Xosé Manuel Budiño, Cristina Pato (que reside en Nova York) e Leilía, por exemplo. 

Catorce concertos, sete estados, corenta días de xira e doce cidades para presentar o seu proxecto conxunto 'Baladas da Galiza imaxinaria', que lanzaron na primavera do ano pasado. O público (“normal” ou universitario) reaccionou moi ben, contan, ás explicacións da súa procedencia e dos temas: “Comezabamos os concertos co tema que di 'Son galego da Galiza, da Arxentina, de Canadá... Galego da Galiza imaxinaria' e a verdade é que entenderon moi ben as nosas explicacións sobre a nosa identidade. EEUU é un país multirracial e multicultural, así que ese concepto calou moi ben”, explica Fran Pérez, Narf. 

Narf: “Nós, os galegos, podemos conquistar a calquera tipo de público no mundo”

“Cantamos a Castelao, a Curros, a Rosalía, a Lorca en galego... faciámoslle unha panorámica do que é a Galiza Imaxinaria e do que somos nós”, conta Narf. “Gustoulles a pandeireta, e sorprendeulles a mestura tan singular da guitarra eléctrica con ritmos galegos, pero tamén africanos”, engadiu Uxía. 

“En Estados Unidos o único que coñecen de nós é o Camiño de Santiago”, laméntase a cantora de Mos, “en boa parte a través do filme de Martin Sheen, pero non sabían nin que tiñamos lingua e cultura propias. E da Península só se coñece o flamenco e un pouco o fado”. 

Éxito de público e de crítica

Boa parte da xira transcorreu por auditorios de universidades, de museos e de escolas de música, acadando un salientable éxito de público e tamén de crítica. Actuaron dous días no Getty Museum de Los Angeles, ou na Berklee College of Music de Boston, ademais do Museum of International Folk Art de Chicago, xunto con universidades como a de UCLA, Texas ou Brown University en Provindence. 

“Nós, os galegos, podemos conquistar a calquera tipo de público no mundo”, defende Narf. “Non é que vaiamos de embaixadores de nada, pero si que somos unha punta de lanza dun barco e ao final non somos só nós, senón todo o que hai detrás. “A música galega ten forza e poder de seducción. A verdade é que foi moi bonito para nós”. No mesmo insistiu Uxía: “Esperamos que sexa unha porta aberta a novas propostas musicais galegas”. 

Uxía: “Esperamos que sexa unha porta aberta a novas propostas musicais galegas”. 

A xira, que os levou polos estados de California, Novo México, Texas, Massachusets, Illinois, Nova York e Rhode Island, tamén colleitou críticas positivas nos medios: “Tralas súas voces espidas e conmovedoras, Narf rasgaba unha guitarra eléctrica vermella e Uxía tiña a pandeireta aos pés. Coa primeira canción, “Sempre en Galiza”, un himno que convoca os migrantes galegos de todas as latitudes, enfeitizaron ao público” (Betto Arcos, NPR). 

No periplo americano, as anécdotas multiplicáronse: desde unha muller de 86 anos nada no Couto Mixto, que saiu fascinada por escoitar unha maneira nova de facer música galega, moi diferente da que ela lembraba; até coñecer a Robert Browning, figura central no mundo da 'world music', que recoñeceu que “era a primeira vez que se cantaba en galego no seu teatro, o Roulette Theatre de Nova York”. 



x