CRÓNICA DUN CONCERTO

Uxía e Sérgio Tannus enchen Londres de cor e de sorrisos

Uxía e Sérgio Tannus enchen Londres de cor e de sorrisos
Uxía e Sérgio, nun momento do concerto
Uxía e Sérgio, nun momento do concerto  Foto: M.S.

O concerto tivo lugar a terza feira 1 de novembro no marco do festival de músicas do mundo Tuned In London que se realiza ao longo de todo o ano no sudeste de Londres. O amor, a emigración e a música popular galega estiveron moi presentes no repertorio, con chamadas intelixentes á música inglesa.


A cita é nun antigo celeiro no sudeste de Londres reconvertido agora na sede dunha pequena produtora de cine. A súa sala principal, onde ten lugar o encontro, é un lugar especial, semella saído do imaxinario da Francia do século XVII. Aspecto de cine antigo con butacas de veludo misturadas con cadeiróns e cadeiras que rememoran outras épocas. Nas paredes adivíñase un delicado papel de flores entre faixas de veludo vermello das que colgan suntuosos retratos e escenas teatrais. A luz é tenue. A “viaxe” que prometen Uxía e Sérgio Tannus iníciase en Galiza e lévanos até o Brasil de Tannus, pasando por Portugal e sen esquecer as notas de cor africanas. Un repertorio variado para máis de dúas horas de concerto no que se deron cita unha boa representación da comunidade galega e brasileira de ∞Londres, ben como veciñas e veciños ingleses interesados na cultura galega.

 

Eleonor Thorn, organizadora de Tuned In London, descubriu Uxia hai dous anos en Santiago. “Estaba de viaxe en Santiago e intereseime por unha das tantas actuaciones que neses días había na cidade, eu non coñecía Uxía e ao entrar na sala impactoume a intensa sensación de amor que desprendía entre o público”, lémbralle á audiencia ao rematar o fermoso e colorista concerto de Uxía e Sérgio en Londres. As casualidades fixeron que un oco na súa xira europea concidise co ciclo de concertos. “Hoxe, como hai dous anos en Santiago, volveu amosar esa gran sensación de amor co seu sorriso xeneroso para todos”.

 

Repertorio variado

 

O repertorio de Uxía en Londres comeza con chamadas ao amor sinceiro a través de Zeca Afonso, Pepe Sendón e Uxío Novoneyra, sempre presente na súa paleta de cancións. Cos poemas de Rosalía e Narf en Bos amores, Uxía recordou que os bos amores son aqueles que "veñen suavemente, non estrondosamente" para dar paso a ese Heiche dar un bico, de Manuel María, que fixo animarse definitivamente á parroquia londinense. O famoso Garufa, de Víctor Soliño, trasladou ao público por uns minutos as rúas de Bos Aires e ao xardín xaponés.

 

Uxia3A conexión entre Uxía e Tannus é evidente, o cantar sinceiro e conmovedor de Uxía móvese acompasado das notas da guitarra e a viola caipira de Sérgio. As 'instrucións' improvisadas das cancións con axuda dos tradutores espontáneos convidaron a xente a deixar fóra o sempre frío e distante carácter inglés para sumarse á animada sesión. E como non hai festa galega sen pandeireta, Uxía, co seu selo e voz propias, sacou a súa arma "máis poderosa e pacífica" para iniciar unha andaina pola música tradicional galega con Xente da festa. A música tradicional brasileira tivo un espazo especial coas letras de Noel Rosa e serviulle a Uxía para agradecer a afinidade e continuos sorrisos do seu partner brasilego. 

 

Vai tu vai ela serve para comezar a segunda parte do concerto cunha adicación especial a Xelís de Toro presente no teatro. Nesta visita a Londres, Uxía non se esqueceu, ademais, de todos os galegos e galegas que "antes e agora" habitaron as rúas londinenses dedicándolles unha canción que fala desa inmigración dura dos galegos coa "bonita e triste" Unha noite na eira do trigo, que arrincou os admirados aplausos do público. Agradeceulles ademais o esforzo para que a cultura galega siga viva en Londres cantándolle á "resistencia dos pobos por conservar a identidade e cultura propia contra vento e marea" cos Alalás encadenados para (case) pechar unha noite única en Londres. 

 

Bises e máis

 

Digo case porque o público quería máis e Uxía e Sérgio foron quen de gañar aínda máis o seu favor cunha versión xenial do Blackbird dos Beatles que fixo a xente levantarse dos asentos. A resposta ao cariño chegou cun fin de festa digno cunha volta á tradición cunha fermosa versión de A Virxe de Guadalupe cos coros dunha emocionada e entregada parroquia galega para seguir coa Muiñeira de Chantada e a aparición estelar de David Carril, o gaiteiro 'oficial de Londres.

 

O Alalá das mariñas puxo o punto e final a unha noite chea de cor, sorrisos, emocións e moita e boa música. Uxía e Sérgio deixaron unha fonda pegada entre os espectadores que agradeceron o seu esforzo por adaptar o repertorio a propios e estraños, e aos que desde Londres viramos de esguello as nosas paisaxes e as nosas cores, con saudade perenne. 



x