Vanesa Santiago gaña o Illa Nova de Narrativa con 'A vida sinxela de Marcelo Firmamento'

Vanesa Santiago gaña o Illa Nova de Narrativa con 'A vida sinxela de Marcelo Firmamento'
Imaxe: @VanesaSantiagoV
Imaxe: @VanesaSantiagoV  

Vanesa Santiago Vázquez (Fontán, 1983) faise co premio grazas a unha obra que é unha reinterpretación das novelas de viaxes. A novela será publicada por Galaxia, organizadora deste premio.


Vanesa Santiago é a gañadora da I edición do premio Illa Nova de narrativa para menores de 35 anos, convocado por Galaxia. 'A vida sinxela de Marcelo Firmamento' , a obra gañadora, é unha “reinterpretación das novelas de viaxes” cunha “comunión moi marcada co universo do mar e das lendas”.

O xurado valorou a construción tanto da mecánica interna como global da novela, a elaboración de imaxes de "gran potencial evocador" e a creación dun universo con elementos máxicos que está "perfectamente integrado e consegue fuxir dos estereotipos". A novela resalta "polo coidado da procura da palabra exacta, con imaxes moi potentes", indican.. O xurado estivo composto por Mario Regueira, Inma López Silva, Berta Dávila, Nuria Piñeiro e Ismael Ramos. O premio, ademais da contía económica de 3.000 euros, leva aparellado a publicación da obra.

A editorial Galaxia  presentaba en xaneiro as bases do Premio Illa Nova de Narrativa 2017 e explicaba que se creaba "coa finalidade de abrir un camiño a quen está comezando no mundo da creación literaria". 

A entrega do premio tivo lugar na Fundación Barrié, en Vigo, nun acto que contou coas intervencións de Francisco Castro, director xeral de Galaxia, Antón Vidal, presidente da editorial, e Xosé L. Méndez Ferrín, escritor.

Nada en Fontán en 1983, Vanesa Santiago é bibliotecaria e documentalista. Ten publicado un libro 'Ninguén Lembra' (2013) en Urco editora e publicou relatos e poesía. Colabora coa Asociación Cultural Irmáns Suárez Picallo. 

60 anos despois

O 12 de xaneiro de 1957 Xaime Isla Couto, Ramón Otero Pedrayo, Ramón Piñeiro, Domingo García-Sabell, Francisco Fernández del Riego, entre outros, reunían aos novos valores da literatura galega en Compostela para presentarlles a colección Illa Nova. Naquela xuntanza estaban Xosé Luís Méndez Ferrín, X. L. Franco Grande ou Xosé Manuel Beiras para celebrar unha nova canle expresiva que nacía para eles. Xohana Torres, Méndez Ferrín, Bernardino Graña, Camilo Gonsar, María Xosé Queizán ou Carlos Casares foron algúns deses novos valores que publicaron na colección onde saíron algunhas das principais obras do que se deu en chamar “Nova Narrativa Galega”.



x