ROCK E OUTRAS LERIAS

Varg: Götterdämmerung

Varg: Götterdämmerung

Tralo lanzamento o ano pasado do seu exitoso LP Das Ende aller Luge, como se xa dunha tradición se tratara, os xermanos Varg veñen de editar un novo EP baixo o título de Götterdämmerung, o que xa é o terceiro da súa carreira. Esta banda, nacida coa idea de actualizar o Pagan Metal e xuntalo con toques de Death melódico, foron quen de crear o seu estilo que eles denominan Wolf Metal.


Götterdämmerung (o crepúsculo dos deuses) é o tema homónimo que abre o plástico. Un tema de clara inspiración wagneriana na súa temática, máis lento que do que a banda nos ten acostumada e no que se nota a evolución melódica pero sen deixar a forza que os caracteriza e ao que a voz de Freki contribúe decisivamente en canto fai a súa aparición proclamando: “Son o lume, o Señor da chama. Devoro o ferro e o aceiro”.  Un dos temas máis potentes e que amosa o camiño que seguramente leve a banda, de ter boa acollida polo Wolf Pack.

Hel pisa algo máis o acelerador, creando un tema máis  metaleiro, no que os pequenos toques industriais que se podían adiviñar no tema anterior se fan máis patentes. Un crebapescozos no que destacan uns riffs moi interesantes e unha composición que afonda  na melodía e nos cambios de tempo, cos que xoga, xunto cuns rotundos coros no retrouso, para crear ese ambiente da persecución á morte que narra a canción e nos fan a nós berrar con eles: “Agocharvos ben, até que vos atopemos. Contaremos até 3: 1, 2, 3!”

O riff  co que dá comezo Beiβreflex  é unha clara carta de presentación. Un tema construído sobre a base de riffs e aínda máis melodía que as súa predecesoras, cunha letra que volve a falar do lado salvaxe da manda e que, por un momento, pódese emparentar con Achtung. A estas alturas, queda case confirmado que os componentes folk metal desapareceron das súas composicións dando paso a un son máis industrial e actual que nos fai pensar inmediatamente en Rammstein

O disco pecha coa “senda de osos”, Knochenpfad, que comeza sobre a música contando a vella historia de cómo un home debe camiñar sobre os osos dos seu pai para chegar até o barqueiro, entregarlle as moedas e cruzar ao outro lado e coñecer os segredos do mundo dos mortos. Un tema que musicalmente crea o ambiente para contar esta historia. 

Este traballo de Varg fará máis curta a espera do seu novo longa duración que apunta xa unha evolución cara sons máis melódicos e industriais. A diferenza do seu traballo anterior, que foi editado en alemán e inglés, este está unicamente en alemán. Se no anterior traballo pareceume innecesaria a regravación do disco en inglés, o mesmo digo deste EP, xa que as voces perderían toda a forza que teñen.  Os lobos chegaron hai dez anos para quedarse e ninguén está a salvo. Como di a canción:“Achtung! Hier sind die Wölfe! Wir sind zurück. Die Wölfe machen wieder Jagd. Den Schafspelz abgelegt. Nichts wird mehr wie es einst War

 

VARG nas redes

WEB: WWW.VARG.DE

FACEBOOK: https://www.facebook.com/VargOfficial

TWITTER:  @varghorde

 

LISTAXE DE TEMAS

 

  1. Götterdämmerung
  2. Hel
  3. Beißreflex
  4. Knochenpfad


x