CINEMA

Verín convértese no epicentro das curtametraxes

Verín convértese no epicentro das curtametraxes
"Os días afogados" foi o filme inaugural
"Os días afogados" foi o filme inaugural  

Encetou a segunda edición do Festival Internacional de Curtas Vía XIV de Verín, onde poderán verse un total de 57 filmes procedentes de 21 países. Do 1 ao 10 de decembro, a vila acolle unha ampla programación con numerosas actividades paralelas.


O FIC Vía XIV de Verín chegou á súa segunda edición e fíxoo dando o salto cara á internacionalización. E é que o festival, que fai de Verín o epicentro das curtametraxes do 1 ao 10 de decembro, proxectará 57 filmes procedentes de 21 países. Na primeira edición, exhibírase un número considerabelmente inferior de fitas, 39.

 

O director do FIC Vía XIV de Verín, Carlos Montero, pon de manifesto que a segunda edición xirará ao redor das mesmas temáticas tratadas na súa estrea, o ano pasado: entroido, fronteira e emigración. A maiores, decidiuse crear a categoría "Nova", que dá posibilidade de concursar diferentes pezas que non tiñan cabida nas temáticas estabelecidas. Son “filmes contemporáneos, cinema de autor e obras que non se rexen por formatos industriais comerciais”.

 

Ademais da programación oficial a concurso, o FIC Vía XIV puxo en marcha unha ducia de actividades paralelas como retrospectivas e ciclos de cine (da Nouvelle Vague ou do Mestrado en Teoría e Práctica do Documental Creativo da Universidade Autónoma de Barcelona, entre outros); obradoiros prácticos, como o que estará a cargo da cineasta vasca Maider Fernández, co obxectivo de que cada participante poida realizar a súa propia curta co seu teléfono móbil; vermús-coloquio con representantes das asociacións CREA ou AGAG ou actividades adaptadas ao público infantil, entre outras.

 

Para a competición oficial, o FIC Vía XIV recibiu máis de 750 curtas procedentes de 30 países diferentes. Destes, seleccionáronse 15 para a sección Nova formada por tres programas; 10 para a sección Horizontes, conformada por dous programas; 12 para Outra Mirada, que está composta tamén por dous programas e 17 para a sección A Raia, conformada por catro programa. Xunto a isto, dentro do programa oficial e fóra de concurso proxectaranse tres curtas máis dentro do apartado de Visionado Especial.



x