O VIII Festival Internacional de Xardíns de Allariz abre as súas portas este 13M

O VIII Festival Internacional de Xardíns de Allariz abre as súas portas este 13M
Xardíns da ribeira do Río Arnoia
Xardíns da ribeira do Río Arnoia  

Este sábado 13 de maio inaugúrase a VIII Edición do Festival de Xardíns en Allariz. Este ano a temática terá que ver coa memoria, en recordatorio dos 700 anos que fai a Festa do Boi. As diferentes propostas paisaxísticas poderán visitarse até o vindeiro 29 de outubro. 


Na pasada edición, os paisaxistas participantes neste festival inspirábanse nun posíbel mundo futuro mostrando xardíns colgantes e hortas en Marte. Este ano, Allariz volve a viaxar no tempo, mais agora cara o pasado, empregando como fonte de inspiración a memoria ou até a ausencia da mesma. Esta temática pretende ser unha homenaxe e un recordatorio ao 700 aniversario da Festa do Boi, festa de tradición xudía da vila alaricana. 

Esta oitava edición contará con dez propostas que competirán polo voto do público. Os xardíns son obra de paisaxistas internacionais chegados dende Madrid, Brasil, República Checa, Austria ou México, mais tamén dende Galiza. A proposta máis votada polos miles de visitantes que se achegan cada ano a este festival permanecerá un ano máis no recinto.

Esta oitava edición contará con dez propostas que competirán polo voto do público

Ademais dos dez xardíns participantes, os visitantes poderán contemplar o xardín deseñado polos alumnos do colexio Padre Feijóo da vila, así como o gañador da pasada edición, proposta de José Souto que leva o nome de “Terraformación”. Entre as composicións paisaxísticas que se poderán contemplar, figura tamén un xardín que asina Sermos Galiza.

IMG-20170513-WA0006Allariz é unha vila que en pouco máis de vinte anos multiplicou por oito a súa superficie de zonas verdes. Actualmente, son case 100.000 metros cadrados de xardíns. Os parques e o entorno natural de Allariz teñen como meta principal mellorar a calidade de vida de veciños e veciñas, mais tamén constitúen un dos seus grandes reclamos turísticos.

Entre as composicións paisaxísticas que se poderán contemplar, figura tamén un xardín que asina Sermos Galiza

O Festival Internacional de Xardíns de Allariz é unha aposta paisaxística de formato único no Estado español e nace tamén con este duplo obxectivo. Esta iniciativa desenvolvida polo concello da vila pretende pór en valor a paisaxe e a xardinaría como vías para o desenvolvemento económico e social, así como para incrementar o benestar das cidadás e cidadáns de Allariz. 

Cada ano estes xardíns efémeros invaden durante seis meses case 20.000 metros cadrados da vila alaricana. Enchendo de harmonía, creatividade e imaxinación o entorno do Arnoia, esta proposta trascende o paisaxístico oferecendo unha experiencia máxica.

 

Nota: A foto que acompaña o corpo do texto é do xardín patrocinado por Sermos Galiza.



x