A voz "necesaria e enriquecedora" de Chus Pato ingresa na RAG o vindeiro 23 de setembro

A voz "necesaria e enriquecedora" de Chus Pato ingresa na RAG o vindeiro 23 de setembro
Chus Pato
Chus Pato  

A poeta lerá o o seu discurso de ingreso na Real Academia Galega o 23 de setembro no IES Ramón Otero Pedrayo de Ourense.


O vindeiro 23 de setembro Chus Pato lerá o seu discurso de ingreso na Real Academia Galega (RAG) como membro de número nunha cerimonia que terá lugar no IES Ramón Otero Pedrayo de Ourense. Máis adiante, será a quenda de Marina Mayoral, a que ingrese na RAG, como membro de honra.  

 

E ingresarán na RAG sete novos membros correspondentes: Takekazu Asaka, Marcos Bagno, Olga Castro, Helena González, Kirsty Hooper, Helena Villar Janeiro e Helena Zernova. “A Academia nútrese así con novas perspectivas desde distintos eidos do mundo da lingua e da cultura, e avanza tamén na necesaria e enriquecedora incorporación das mulleres á vida da institución”, sinalan desde a RAG.

 

Chus Pato (Ourense, 1955) posúe unha voz renovadora e rupturista cun marcado compromiso ético coa condición feminina e co país. Os seus primeiros poemas viron a luz na revista Escrita (1984). Parte da súa obra pode lerse tamén en revistas como (Luzes de Galicia, Festa da palabra silenciada, Andaina, Gume, Dorna e Clave Orión...), e en antoloxías e libros colectivos. Urania (1991) foi o seu primeiro libro de poemas, ao que seguiron Heloísa (1994), Fascinio (1995), A ponte das poldras (1996) ou Nínive (1996), co que gañou o Premio Losada Diéguez en 1997. En 2009 fíxose co Premio da Crítica por Hordas de escritura (2008), co que volveu gañar o Losada Diéguez. Este título forma parte da pentaloxía Decrúa (antes Método), aberta no ano 2000 con m-Talá, e da que tamén forman parte Charenton (2003), Secesión (2009) e Carne de Leviatán (2013), polo que foi recoñecida co Premio da Irmandades do Libro como mellor autora do ano.

 

A poesía de Chus Pato foi traducida ao español, inglés, portugués, serbio, polaco, alemán, italiano ou árabe clásico, entre outros idiomas, e está presente en antoloxías internacionais. Desde 2015, os versos de Secesión (2009) lidos na súa propia voz son os primeiros en lingua galega que forman parte dos fondos sonoros da Woodberry Poetry Room da Universidade de Harvard. Pato foi tamén convidada aos festivais internacionais de poesía de Barcelona, Rosario, La Habana, Buenos Aires, Bratislava ou Rotterdam.



x