ANA CABALEIRO, ESCRITORA

"A voz da muller non sempre tivo unha consideración igualitaria no mundo da literatura"

"A voz da muller non sempre tivo unha consideración igualitaria no mundo da literatura"
Ana Cabaleiro [Foto: Mónica Paxot]
Ana Cabaleiro [Foto: Mónica Paxot]  

Ana Cabaleiro (Silleda, 1974) irrompeu hai un mes no escenario da literatura galega ao mando dunha tropa de particulares sapos, sereas e lobos feroces que non son o que parecen. E o efecto sorpresa levouna a ser louvada pola crítica e seguida polos lectores. Mañá cuarta feira presenta o seu primeiro libro de relatos, 'Sapos e Sereas', na compostelá libraría Couceiro. 


- Vés de publicar a túa primeira obra, entras nas listaxes dos máis vendidos e, ademais, bendecida pola crítica. Como foi este parto de 'Sapos e Sereas', que ademais é o teu primeiro?
- Ben, realmente a min píllame un pouco desprevida todo isto porque toda a miña ambición era escribir os relatos, xuntalos nun libro e conseguir publicalos. Entón unha vez que o vexo, parecía que esa parte do soño estaba cumprida e aí está a miña función como escritora, que é algo no que longamente levo traballando e a parte toda de como é recibida polo público e pola crítica é algo que de momento non me atrevo a valorar, aínda que obviamente estou contenta e satisfeita.

Hai moita xente que renega dos obradoiros de escrita, pero eu confeso e digo abertamente que foi o que me cambiou totalmente o plantexamento


- Empezas a publicar agora, pero desde cando escribes? Cando comezaches a escribir?
- Realmente é un pouco difícil, empecei a escribir como case todo o mundo, supoño, na adolescencia, e despois sempre hai unha viraxe entre que escribes nos ocos libres, cando queres desafogar ou cando che parece que estás algo inspirada, a cando empezas realmente a plantexalo como unha tarefa e como unha responsabilidade. Cando queres contar xa cousas conscientemente, cando queres darlle unha voz ou un determinado punto de vista ás historias ou cando empezas a reflexionar sobre cuestións estéticas, sobre cuestións de narrativa, sobre como contan as cousas ou como che gustaría que se contasen. Entón entras nesa segunda parte,  cando lle queres dedicar unha parte importante do teu tempo a ese traballo, porque é un traballo, desde o meu punto de vista. No meu caso, como non tiña -digamos- un plan concreto, fun achegándome a diversos obradoiros de escrita, que hai moita xente que renega deles, pero eu confeso e digo abertamente que foi o que me cambiou totalmente o plantexamento. A chegada doutras persoas que escriben, persoas que tiven de mestres, que son escritoras e escritores recoñecidos e moi xenerosos e que nos abriron a súa maneira de pensar e de plantexar a escrita, axudoume moito a pensar en serio como quería afrontar a miña responsabilidade como escritora. Aí eu creo que llo teño que agradecer sobre todo a Francisco Castro, unha persoa que sempre me axudou e apostou por min e que  ademais me axudou moitísimo a atopar a miña propia voz, porque é algo que inconscientemente o temos pero ás veces non somos quen de velo abertamente e de poder explotalo dun xeito consciente. Entón aí foi onde se produciu toda a viraxe e onde por fin podes chegar a ver ese produto, porque aínda que é un produto, porque ten un prezo e se vende, para min realmente publicar é como un soño que despois de moitos anos se converte en realidade.

Publicar é como un soño que despois de moitos anos se converte en realidade

- Por que empezas por relatos?
- Para min é un xénero polo que tiven moita querencia como lectora pero tamén como persoa que se creou nunha comunidade do rural. As comunidades do rural, alá polos anos setenta ou oitenta, cando eu me criei realmente,  esas historias  curtas de narración oral, que te enganchan, que te paras no camiño a botar un conto, son moi importantes. Para min forma parte da miña cultura, e como lectora é un xénero que me gusta moito porque che permite centrarte nun punto e sacarlle todo o partido a ese punto, a ese momento, que ten moitísima intensidade. Para min é tan importante como a historia completa, porque pode haber unha confluencia de moitas historias xuntas. Para min é unha arte conseguir chegar a unha lectora ou lector a través de algo tan condensado como un relato curto.

- Non hai finais felices en 'Sapos e Sereas' pero si que hai un epílogo que é unha advertencia para as mulleres. Por que un epílogo?
- Realmente, non é unha advertencia, aí condenso toda esa parte de como se contaron as historias e as historias sempre se contaron nunha dirección. A xente que levamos tempo traballando no xornalismo sabemos que moitísimos puntos de vista quedan nas esquinas, tapados por outros puntos de vista predominantes. Entón eu no epílogo saquei historias moi coñecidas e pegueilles unha volta porque o que pensamos que significa unha cousa se cadra desde outro punto de vista significa outra totalmente diferente. É verdade que o feminicei todo e me dirixín a unha hipotética lectora, puxen todo en feminino, pero realmente non é só para as mulleres, porque todo o tema sobre como se contou a historia da muller ou como se lle esixe á muller hoxe en día a través da publicidade ou dos programas de televisión realmente afecta toda a sociedade, sexas home ou muller. Estás criada niso e eses puntos de vista tan unidireccionais, tan deterministas, eu considero desde ese epílogo que deben ser máis reflexionados e que hai que quebralos dalgunha maneira.

Para min é unha arte conseguir chegar a unha lectora ou lector a través de algo tan condensado como un relato curto

- A obra está chea de personaxes de ficción que non viven precisamente nun conto de fadas. Como definirías ti a túa propia obra? Como a construíches?
- Eu realmente construín un mundo, un universo, onde partimos de como se nos contou a historia desde a infancia, por iso xogo con tantos personaxes dos contos tradicionais, mesmo a Carapuchiña Vermella, ou outros personaxes como poden ser os Reis Magos, ou outras cuestións como amor romántico e os xestos do amor romántico, como regalar flores, e sácoos dese contexto. Entón doulles unha voltiña para facer ver o ridículo deses estereotipos, o que son as sereas, os sapos, o lobo feroz, como están tan asentados no noso imaxinario social e realmente non teñen ningún tipo de base. Podes darlles unha volta e desfalos en medio minuto. Esa era a parte que eu quería sacar e penso que dalgunha maneira foi un punto que conseguiu algo deste éxito que está tendo porque racha co cotiá que fomos asumindo no cerebro, que temos no imaxinario e pégaselle unha volta que sorprende un pouco. Penso que esa parte de sorpresa é a que realmente está interesando e atrapando.

- Din os ingleses que o demo está nos detalles e eu creo que nos detalles está o mellor de 'Sapos e Sereas'. Que destacarías ti?
- Os detalles están realmente moi coidados, eu construín unha historia para cada relato pero realmente nos detalles é onde conseguín meter dun xeito que me resulta moi natural chiscadelas de xénero, políticas, ideolóxicas, xeracionais... cousiñas que eu creo que son para todos os públicos pero que uns pillan unhas e outros outras. E tamén é algo que me comentan as lectoras e lectores, ese tipo de detalliños que lles vai gustando a un, chamando a atención a outro... e son cuestións que a min particularmente me resultan moi satisfactorias porque me centrei bastante nese tipo de cousiñas.

Na sociedade occidental temos unha materia pendente, que é a loita contra a desigualdade, sexa do tipo que sexa

- Ramón Rozas definiu a túa obra como "unha estrea literaria feita desde o compromiso". Compromiso con que, ademais de co mundo da muller?
- Eu creo que na sociedade occidental temos unha materia pendente, que é a loita contra a desigualdade, sexa do tipo que sexa. E esta é unha loita que  para min é moi importante, sobre todo, por cuestións persoais, porque son muller e porque me tocou traballar con realidades que ao mellor se che escapan doutra maneira, como é a discapacidade intelectual ou a cooperación ao desenvolvemento. Penso que somos unha sociedade que realmente podemos vivir nun mundo de cristal e centrarnos só na nosa propia competitividade, no noso propio éxito, ou podemos ser unha sociedade que mira ao seu redor e ve o que está pasando, porque á marxe da crise e a pobreza, hai cuestións que sempre están latentes e que aínda non as demos superado. Ese compromiso está comigo, non o podo evitar e non foi tan consciente como parece, pero é algo inevitable, quedoume clarísimo, unha escribe desde o que é. Cada unha vai ter unhas teimas á hora de escribir, e eu espero non perder a miña posición e a miña reivindicación co compromiso. Neste caso foron os estereotipos de xénero, que afectan tanto mulleres como homes, e como afectan ao conxunto da sociedade, pero supoño que o espectro máis amplo que foi rodeando a miña persoa e o crecemento tamén inflúe un pouco á hora de coller un punto de vista sobre o que moverse a partir de aí.

- 'Sapos e sereas' está a ser líder de vendas en narrativa nun momento en que ademais outras mulleres lideran o resto dos apartados: poesía, ensaio, literatura infantil e xuvenil...
- Cáusame moitísima satisfacción, porque penso que a voz da muller non sempre tivo unha consideración igualitaria no mundo da literatura e eu penso que por fin isto vén poñer enriba da mesa que hai unha literatura escrita por mulleres que interesa. Entón é posible que por fin esteamos chegando a un punto no que polo menos os diferentes puntos de vista ou formas de narrar transcendan ao feito de que sexamos  mulleres ou non.

- Logo da boa acollida deste conxunto de relatos, que podemos agardar de novo de Ana Cabaleiro? 
- Eu sigo escribindo relato porque evidentemente non escribín só catro relatos nos últimos anos, en 'Sapos e Sereas' hai relatos de diferentes etapas da miña vida e eu sigo escribindo relatos á marxe de ter publicado. Tamén é verdade que estou empezando a explorar outras opcións, pero prometo que haberá máis relato. Iso seguro.
 



x