A web de Dylan non recolle a noticia do Nobel

A web de Dylan non recolle a noticia do Nobel
Screen Shot 2016-10-19 at 10.46.50
Screen Shot 2016-10-19 at 10.46.50  

A concesión do Nobel non merece nen unha triste liña na web oficial do cantor norteamericano.


A estratexia de Dylan é clara: transmitir total indiferenza perante a noticia que provocou unha auténtica conmoción no planeta da cultura, a concesión do Nobel de Literatura a un músico.

Non só Dylan non ten pronunciado unha soa palabra en público sobre o galardón, non só non se pon ao telefone cando o chaman de Suecia (a Academia xa desistiu), é que a súa web oficial tampouco toma nota da entrega do premio.

Na sección News, as últimas novas informan sobre a pronta saída dun novo CD con gravacións ao  vivo de 1966 e inclúen unha nota escrita polo cantor con motivo do falecimento do boxeador Muhammad Alí.

É evidente que Dylan manexa os tempos e que, conforme pasan os días, aumenta a expectación sobre se o autor de The times they are a changing irá ou non a Estocolmo o 10 de novembro a recoller o premio.

Springsteen: "Dylan é un poeta, eu só un tipo que traballa duro"

Dylan non fala do Nobel, Springsteen si. O rockeiro de New Jersey, de xira mundial de apresentación das súas memorias, non tivo reparo en cualificar a Dylan de "poeta". "Dylan está por cima de todos. É moi diferente a min. El é un poeta e eu só son un tipo que traballa duro", dixo en Londres quen pasa por ser o sucesor do cantor de Minnesota.