As webseries, o “boom” do audiovisual

As webseries, o “boom” do audiovisual
Fame
Fame  

Desde que hai un ano se estreara a primeira webserie galega, o fenómeno non parou de medrar.Con baixos orzamentos, o abano de produción é amplo e vai desde traballos experimentais até máis convencionais. Silvia Fuentes, produtora de Fame, e Alfonso Míguez, de PIB, achégannos ao mundo das webseries.


Fame conta a viaxe interrompida por unha avaría do coche de Eme e Uve. O atranco dará lugar a unha noite de “alcol, sexo e rock´n roll” nunha casa rural. De Fame está xa a se producir a segunda parte, que a equipa identifica tamén como Sede, no que a vinganza é o tema. Comezou como un proxecto saído do curso da Universidade de Vigo e a Fundación Carlos Casares, mais a serie colleu vida independente e a equipa está agora a procurar financiamento para a segunda parte. A orixe de PIB atópase na asociación cultural “Os Ghairas” na que participan os tres amigos Mighele de Currás, Héctor Casas e Alfonso Míguez que forman a equipa da produción. Optaron pola webserie para materializar unha historia de humor protagonizada por Richi e Maxi que non só moven na rede, senón que tamén presentaron en numerosos espazos públicos.

“Galiza é o lugar no que se non hai medios, fas por buscalos. Moita xente non ten traballo no mundo audiovisual e decide facer unha webserie para empregar o tempo e tamén mostrar o seu traballo”, explica Silvia Fuentes, produtora de Fame.

Que mínimos se precisan para facer unha webserie? “Algunha, non galega, fíxose cunha cámara fixa cun único plano e unha persoa falando nun sofá. De todas maneiras o orzamento mínimo para un capítulo, só cubrindo dietas, sería de 1.000 euros e está complicado conseguilos”.  Alfonso Míguez, coprodutor, coguionista e actor de PIB,  fala “de conseguir non volver pagar por traballar, que a xente teña asegurada comida e transporte. A esixencia é moi profesional. O único non profesional son os honorarios”.

Para buscar patrocinios, o número de persoas que viron a serie é a mellor das garantías, co cal cómpre un gran esforzo na comunicación do produto, através da rede. “As redes sociais son a base, sen elas non tes nada. A ferramenta para movela son a páxina de Youtube, a páxina web e unha de Facebook. Con iso tes que distribuír o produto”, explica Silvia Fuentes que aspira a, en breve, chegar a mil seguidores de Fame, serie que tamén está subindo en reproducións e subscricións na rede.

Un fenómeno en aumento

Desde que Gran compadre se presentou hai un ano como a primeira webserie galega, o fenómeno non parou de medrar, o que levou a engadir unha categoría nos Premios Mestre Mateo do audiovisual e mereceu un lugar de privilexio no Espazo Cinema da pasada edición de Culturgal que se celebrou en Pontevedra. “Deberan ter xa algunha liña de axuda especial. É un formato que xa non se pode obviar. Nós elaboramos un piloto, mais agora estamos deseñando capítulos máis ambiciosos buscando revalorizar o concepto de webserie”, comenta Alfonso Míguez.

“Cantas se estarán a facer?  Son incapaz de sabelo agora, o certo é que neste momento hai moitas en preprodución que sairán dentro duns meses. Creo que a eclosión aínda está por chegar e vai sorprender o número delas que en breve chegarán á rede”, explica Silvia Fuentes, para quen a facilidade de produción e difusión converte as webseries nun produto atractivo para profesionais do audiovisual.

“Nós estamos a traballar todos os días e con dedicación exclusiva porque non temos outras propostas e queremos elaborar un produto de calidade. Difundímolo na rede, mais tamén facemos un esforzo polo encontro co público, con merchandising clásico como chapas ou camisetas”, explica Alfonso Míguez.

Do catálogo das oito series que participaron no maratón de Culturgal, o escaparate da cultura galega que as incluíu no seu programa, sorprendía a cantidade de rostros coñecidos da televisión ou o cine que tomaban parte nas equipas artísticas. “Na situación desgrazada que vivimos, moitos actores e actrices déixanse caer polas webseries porque non teñen moito máis que facer e nesta profesión, se quedas parado oxídaste”, comenta Alfonso Míguez quen, de todas maneiras, fala xa dun cambio na consideración das webseries que se mostra, pon por caso, en que algunha canle televisiva xa comezou a emitir algunha delas.

“Hai algo en común entre todos os que se adican a este formato, son xente valente e con paixón. Non hai receita para sacar adiante proxectos coma estes, pero hai uns ingredientes básicos: unha idea e gañas, moitas gañas”. As palabras son de Anxos Fazáns, directora e guionista de Fama, ao presentar a segunda parte da súa webserie.

 


x