DO 19 AO 23 DE OUTUBRO

O Womex 16 converterá Compostela na capital mundial da música

O Womex 16 converterá Compostela na capital mundial da música
Presentación da programación do Womex 16
Presentación da programación do Womex 16  

Do 19 ao 23 de outubro, Santiago acollerá a XXII edición do Womex, a feira internacional que fará da cidade a capital mundial da música. Entre os máis de 300 músicos de 40 países destaca a presenza dos galegos Xabier Díaz, Radio Cos e Narf.


O Womex 16 aterra a vindeira semana en Compostela, cidade que acollerá 2.500 participantes de máis de 100 países e máis de 300 artistas internacionais entre os que se atopan os galegos Xabier Díaz, Narf e Radio Cos. Faada Fredy, NY Gypsy All Stars, Dudu Tassa & The Kuwaitis, Bixiga 70 ou Oligarkh son algunhas das propostas musicais desta vixésimo segunda edición.

A Cidade da Cultura, a Quintana, o Auditorio Abanca, o Teatro Principal, o Salón Teatro e a Sala Capitol acollerán os concertos

Os concertos que terán lugar no marco do Womex divídense na Selección Oficial, que acolle músicos e músicas de todo o mundo elixidos por un xurado internacional e que se poderán ver na praza da Quintana e no Auditorio Abanca; no Atlantic Connections, que lle dá abeiro a propostas da Península e de América Latina no Teatro Principal; e no escenario offWomex, con iniciativas alternativas que se desenvolverán no Salón Teatro. Aliás, a Sala Capitol será o espazo en que teñan lugar as actuacións de DJ a sexta feira 21 e o sábado 22. Existen á venda bonos de 55 euros, amais das entradas individuais para os 18 concertos da Quintana por 20 euros (venda anticipada).

Sección e apertura e premios

O Auditorio de Galiza acollerá a cuarta feira 19 o Opening, a sección de apertura do Womex en que se lles dará a benvida ás e aos profesionais que participarán no evento. O Opening estará dirixido polo galego Pedro Pascual e reunirá artistas da talla de Kepa Junkera, María Arnal & Marcel Bagés, Carmen París, o cuarteto Caramuxo e Talabarte.

Calypso Rose, unha das voces fundamentais das Antillas, é a premiada no Womex 16

A respeito dos premios que o Womex concede de maneira anual para recoñecer o traballo de significados intérpretes das músicas do mundo, é Calypso Rose (Tobago, 1940), unha das voces fundamentais das Antillas, a protagonista desta edición.

Womex Film Nights

Amais de música, o Womex acolle por vez primeira un festival de documentarios sobre música que terá lugar no Museo das Peregrinacións entre os días 20 e 22.

Nove filmes, dous dos cales se estrearán en Compostela, integran o cartel con títulos que repasan a situación da música no mundo.

As cifras

A feira durante o día inclúe 270 casetas con máis de 700 empresas, ademais de 22 conferencias e 95 relatores de 35 países en 50 sesións, entre outras actividades.

O Womex leva xa 21 edicións por toda Europa: Berlín, Bruxelas, Estocolmo, Rotterdam, Sevilla, Copenhague, Tesalónica, Cardiff ou Budapest. A deste ano é tamén a segunda edición que acolle Compostela. Nestes anos de historia, só dous artistas galegos foron escollidos na selección oficial (Mercedes Peón no 2010 e Davide Salvado en 2014).

Dos 2.500 participantes profesionais no Womex 16, uns 800 son organizadores de concertos e eventos musicais, 450 representan selos e distribuidoras musicais, outros 500 son axentes individuais, 400 managers e 250 produtores.

Segundo as cifras fornecidas, un 80% do custo da produción revertería directamente nas empresas galegas e suporía a creación de 150 postos de traballo directos e outros 250 indirectos

Estas cifras poñen de relevo a importancia deste evento cultural, que representa unha grande oportunidade para a música galega e para a proxección da nosa cultura. Aliás, a organización salienta o “extraordinario efecto económico e de imaxe”. E é que, segundo as cifras fornecidas, un 80% do custo da produción revertería directamente nas empresas galegas e suporía a creación de 150 postos de traballo directos e outros 250 indirectos.

Organización

Organizado pola empresa Piranha Musik, con sede en Berlín, o Womex ten como socio local Nordesía Producións, en parcería co Concello de Santiago, a Deputación da Coruña e a Xunta de Galiza, amais de contar co patrocinio de Mahou.

Na presentación da programación do Womex 16, a vicepresidenta da Deputación da Coruña, Goretti Sanmartín, sinalou que con Womex, Compostela pasa a ser “a capital das músicas que son as bandas sonoras dos distintos pobos, que transmiten a súa identidade e que son a carta de presentación dos países de orixe”. Reparou Sanmartín nas tres propostas galegas para destacar a forza da música de noso que se transmite a través das xeracións de Radio Cos e Xabier Díaz e as Adufeiras do Salitre e destacou moi especialmente o encontro Narf con Timbila Muzimba que pode ser “a metáfora do que Womex significa, un proxecto en que a música galega e mozambicana se dan a man, en igualdade de condicións”. 

O alcalde de Compostela, Martiño Noriega, salientou que “Santiago volve amosar nesta ocasión como unha cidade pequena no cuantitativo pode ser un referente turístico e cultural no cualitativo. Acoller a maior feira de músicas do mundo, como é o Womex, significa apostar nun turismo de eventos que vai máis alá do feito até o de agora e que consigue que Santiago sexa atractiva en calquera momento do ano pola súa oferta cultural”.

Pola súa banda, o conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez, valorou Womex 16 como un “importante esforzo colectivo de empresas e administracións” para converter a Santiago e a Galiza “en capitais mundiais, por uns días, da música tradicional e de raíz”.