ANA MARTÍNEZ, OURIVE

“A xente séntese identificada cos rosetóns, á marxe do relixioso”

“A xente séntese identificada cos rosetóns, á marxe do relixioso”
Ana Martínez, ourive betanceira, cun rosario de castañas de cobre
Ana Martínez, ourive betanceira, cun rosario de castañas de cobre  

Ana Martínez (A Coruña, 1961) ábrenos as portas do seu obradoiro de ourivaría, ao final da Rúa dos Prateiros, en Betanzos. Tradición e modernidade comparten espazo nos expositores, onde atopamos desde a reprodución do rosetón do mosteiro de Santo Estevo de Ribas de Sil (s. XIII) ou do triforio da catedral de Santiago até brazaletes con forma de garfo ou unha pulseira con iluminación diminuta con leds. Ana Rosetón, como se coñece no mundo do oficio, é hoxe unha das ourives de maior prestixio da Galiza.


Podemos dicir que na Galiza es a ourive dos rosetóns, dado o teu traballo ao pasar a prata rosetóns do románico galego.

Inspíranme todo tipo de raíces e sentimentos. Gústanme os monumentos, a arquitectura, e outro tipo de cousas que me lembran a infancia ou o sitio onde vivo. Iso é o que me move. E os rosetóns xurdiron nese tipo de busca de cousas para poder facer. Eu quería facer algo de Cambre cando vivía alí. O mesmo que teño o interior da Torre de Hércules, por ser de Monte Alto [A Coruña] ou as arañas, por vivir no campo. A Igrexa de Santa María de Cambre era o que máis me gustaba. Estudando a igrexa, vendo que parte facer, o rosetón era o que máis me atraía. E así comecei cos rosetóns, pola busca de facer algo distinto.

 

3Como é o proceso de creación dos rosetóns?

Debo de ter trece rosetóns. Teño documentación de moitísimos, pero é un proceso moi laborioso, sobre todo facer o primeiro. Require de tempo e de cartos para poder estar ese tempo sen traballar e estar dedicada en exclusiva a iso. Empezas sacando a fotografía e estúdalo, despois fas o debuxo ­–eu con compás, escuadra e cartabón, porque me gusta debuxar así­– e trato de resolver a parte arquitectónica para levalo ao metal. Fágoos todos fago con volume por detrás. Grávase con ácido, con buril, faise unha montaxe e aí é cando lle saco o molde. Pero aínda que lle saque molde e faga a peza en fundición, hai que abrir ocos, aínda ten o seu traballo.

 

Os rosetóns son os elementos máis demandados da túa obra?

Si, fíxenos porque me apetecía facelos, pero si. A xente séntese identificada, á marxe do relixioso. De feito, eu non son nada relixiosa. É por unha cuestión de identidade cultural, da cultura de aquí, e se vives na zona pois é a igrexa do sitio en que vives, aínda que non sexas crente. Ademais son case todos totalmente distintos e misteriosos, pois non temos informacións deles, non sabemos por que puxeron un elemento e non outro nin coñecemos a que fan referencia os debuxos que teñen... E dá o mesmo a idade, vexo que tanto ten que a persoa teña 18 anos que 70; séntense identificadas igual.

 

[Podes ler a entrevista íntegra no Sermos Galiza 253. á venda na loxa e nos quiosques e puntos de venda habituais]



x