O CRÍTICO ARMANDO REQUEIXO PUBLICA UNHA GUÍA SOBRE MONDOÑEDO E O ESCRITOR

Xeopoética de Cunqueiro

Xeopoética de Cunqueiro
A catedral de Mondoñedo. Foto: cedida.
A catedral de Mondoñedo. Foto: cedida.  

A xeografía da literatura é ambigua. O mundo real do escritor e os seus mundos imaxinados manteñen estrañas relacións. Por veces, a conexión entre eles resulta directa, evidente. Outras, semellan compartimentos estancos. A exploralos con vocación didáctica e proselitista dedica o crítico Armando Requeixo (Mondoñedo, 1971) a súa última monografía, Álvaro Cunqueiro e Mondoñedo. Guía Literaria.
 


Un dobre propósito alimentou o proxecto. “Dunha banda, responde ao que é propiamente unha guía, procurar cubrir as expectativas para a xente que chega a Mondoñedo”, explica Requeixo, “e que mellor embaixadora que a voz do poeta”. Ao mesmo tempo, os “cunqueiriófilos tamén poderán ler o libro con sabor. Quería que o acrisolado espazo creativo de Cunqueiro, a súa xeopoética, quedase recollido”.

 

A obra preséntase como un itinerario pola histórica vila e a súa contorna. Trinta e cinco puntos xeográficos cosen as historias e os días do autor de Merlín e familia. “Cunqueiro deixou dito algunha vez que, independentemente do lugar de que estivese a falar, sempre estaba falando das rúas e os tipos de Mondoñedo”, sinala Requeixo.

 

A zona da obra cunqueiriá máis celebrada a día de hoxe ten a ver coa fantasía e un singular realismo máxico avant la lettre. Mais o Mondoñedo material está tamén aí. “É case unha redundancia. Todo o seu universo creativo atópase en Mondoñedo”, engade.

 

Entre o Campo da Feira ou a Nosa Señora dos Remedios e a Cova do Rei Cintolo ou a Taberna de Póngalas, a guía de Requeixo procura cumprir coa cita de Cunqueiro que a encabeza: “Eu non me cansaría de recomendar, se fixese unha Guía de Mondoñedo para poetas, que o visitante se mesturase co silencio enorme da cidade e do val e da pausa do noso cotián vivir”. Por Álvaro Cunqueiro e Mondoñedo, dotado dun frondoso e completo aparato gráfico, desfilan ademais os outros “príncipes” das letras mindonienses, “sempre á luz da súa relación con el”: Leira Pulpeiro, Marina Mayoral, Antonio Noriega Varela ou Xosé Díaz Jácome.

 

A esa prescripción remite Armando Requeixo para expoñer as razóns do seu traballo. “Eu entendo que Cunqueiro soñou escribir algo así, e prefigurouno dun xeito disperso en artigos e relatos”, di, “porque na súa obra xa hai unha guía de Mondoñedo. Pero non estaba callada”. A que callase contribuíu o concello da vila -coeditora, coa Xunta, do volume-, que agora prepara audioguías para poñer a disposición de visitantes e interesados.



x