CON "ELEXÍAS A LOLA"

Xohana Torres regresa ás librarías após 14 anos

Xohana Torres regresa ás librarías após 14 anos
Xohana Torres, por Laxeiro
Xohana Torres, por Laxeiro  

Unha das grandes poetas da literatura galega, Xohana Torres, regresa aos andeis das librarías coa obra Elexías a Lola, un traballo editado por Engaiolarte que inclúe poemas inéditos, os primeiros que vén a luz desde que en 2002 se publicara Poesías reunidas.


Desde que en 2002 vira a luz Poesías reunidas, non se volvera editar ningún novo libro de Xohana Torres até a actualidade. Engaiolarte Edicións vén de publicar Elexías a Lola, libro en que se inclúen poemas inéditos da escritora ferrolá. Aliás, a editora acordou coa poeta a edición posterior por entregas da súa obra completa nunha Biblioteca Xohana Torres, que incluirá materiais inéditos.

O poema central de Elexías a Lola, obra que será presentada esta cuarta feira na Libraría Couceiro, coas intervencións das xornalistas Carme Vidal, Ana Romaní e o editor e tamén xornalista Xan Carballa, conta cun significado especial para a autora, pois está dedicado á súa avoa que agora vestiu con novos textos. Outórgalle deste xeito unha nova fasquía de libro independente dentro dunha obra literaria admirada.