En xuño terá lugar a primeira Semana do Libro de Compostela

En xuño terá lugar a primeira Semana do Libro de Compostela
Presentación da SELIC [Foto: Concello de Santiago]
Presentación da SELIC [Foto: Concello de Santiago]  

Xa o adiantamos hai dous meses e agora vimos de saber máis detalles. A praza da Quintana acollerá, do 2 ao 11 de xuño, a primeira Semana do Libro de Compostela, SELIC, impulsada polo Concello de Santiago en colaboración co propio sector na cidade. 


A procura de alternativas na promoción do libro vén de dar outro novo froito, neste caso en forma de evento. Tal e como adiantabamos hai dous meses, a capital do país terá unha Semana do Libro de Compostela (SELLIC), que foi presentada onte quinta feira polo alcalde, Martiño Noriega, quen afirmou "que nace coa intención de amosar o enorme potencial editorial e literario da capital galega", nun acto no que estivo acompañado por David Cortizo, de Urco Editora, e Loaira Martínez, da libraría Ciranda.

O alcalde explicou que a SELIC nace "a partir da constitución da Mesa do Libro de Santiago, na que se constatou que ten que ser o propio sector o que consensúe un gran evento que dignifique e promocione o mundo do libro". Grazas a este consenso, xa está confirmada a participación de máis dunha trintena de librarías e editoras de Compostela. Martiño Noriega insistiu en que a Semana do Libro nace "con vocación de común denominador e non de competición, sen querer competir con outras iniciativas ao redor do libro, e buscando novos vieiros que obrigue ao sector a poñerse de acordo sobre como quere proxectarse na cidade".

Noriega afirmou que a SELIC nace "con vocación de común denominador e non de competición, sen querer competir con outras iniciativas ao redor do libro"

David Cortizo, de Urco Editora,  explicou que "a SELIC xorde do sector, é un modelo de feira que ten en conta as necesidades e as características das librarías e editoras de Compostela". Na mesma liña, Loaira Martínez, da libraría Ciranda, recoñeceu que "a Semana do Libro está a ser un desafío, porque obrigou a editoriais e librarías a coñecerse e a poñer en común as súas demandas", e mostrouse convencida de que "esta cita fomentará a unión do sector do libro e conseguirá a súa dinamización".

32 librarías e editoriais

A día de hoxe teñen confirmada a súa participación na primeira edición da SELIC un total de 32 librarías e editoriais de Galicia, moitas delas radicadas en Santiago. Todas elas deberán definir previamente os seus espazos expositivos, co obxectivo de evitar coincidencias entre os postos e garantir a maior diversidade posible na SELIC. Ademais, as editoras deberanse limitar a expor os seus propios fondos ou aqueles que garden especial relación coa súa liña editorial, e que procedan de fóra do ámbito galego. Pola súa parte, as librarías non especializadas deberán expor un mínimo do 50% de libro en galego.

A Semana do Libro de Compostela contará con espazos diferenciados para desenvolver exposicións de libros, presentacións, grupos de traballo e actividades infantís. Tamén se prevén, ao abeiro da SELIC, a organización de obradoiros e rutas e de sesións musicais.

A exposición será do 2 ao 11 de xuño, en horario de mañá nos días da semana, e en horario de mañá e tarde nas fins de semana. 



x