CON "CONTOS DO MAR DE IRLANDA"

Xurxo Souto e a “experiencia marabillosa” das 100 arribadas

Xurxo Souto e a “experiencia marabillosa” das 100 arribadas

O escritor e colaborador de Sermos Galiza Xurxo Souto chegou ás 100 arribadas, aos eventos vinculados a Contos do mar de Irlanda, o seu último libro. Conversamos con el arredor deste fito na promoción dun libro galego.


As 100 arribadas –actos relacionados con Contos do mar de Irlanda (Xerais)-, todo un fito na promoción dun libro galego, representan para Xurxo Souto “unha experiencia única e marabillosa que non creo que se volva repetir”. O autor explica, en declaracións a Sermos Galiza, como partindo da literatura foi quen de coñecer o país e de levar esas historias a cidades alén das nosas fronteiras.

Sinala que, após tantos encontros, aprendeu unha morea de historias. “Unha das máis fermosas tivo lugar en Froxán, no Courel. Alí contáronme que a casa máis bonita era a do Calexón, que emigrara ao País Vasco e que fora mariñeiro en Terranova. Cando volvía, enchía o patín da casa de follas de bacallau e os rapaces estaban abraiados, dicían que aquilo era un mundo impresionante”.

Das cen arribadas saíron o documentario e unha exposición

Nas cen arribadas, o libro de Xurxo Souto xerou un fecundo hipertexto, o documentario Dos gaiteiros do mar, de Martín Rodas e Dani Lavesedo e a exposición O pintor Ksal e outras historias do mar (AVV Casco Vello de Vigo). “No meu caso este hipertexto non ten a ver co virtual, pois foi algo físico e real”, sinala. “Os gaiteiros forman agora un grupo estábel e O Berbés, a colleu a mostra dun pintor que creaba a bordo de bacallaeiros. Pintaba na sala de máquinas e chegou a expoñer en Terranova, mais non en Vigo. E grazas ao Berbés foi coñecido o seu legado. Fíxate, como terrícola, non sabía que a bordo dos barcos se pintaba e que en Terranova se facían cancións en galego”, salienta.

O escritor advirte de que a falta de coñecemento da sociedade arredor do mar “é un problema”. “O mar non existe na nosa educación malia ser un elemento económico fundamental. O mar non é pasado, senón futuro, pero tendemos a velo como algo folclórico e pintoresco”, afirma.

Este sábado, 22 de outubro, ás 12h, Xurxo Souto convoca un acto conmemorativo en La Naval, un comercio de efectos navais na Coruña que fecha após aprovisionar durante máis de medio século a frota do Gran Sol e de Terranova.

En Contos do mar de Irlanda, o escritor recolle a memoria de homes e mulleres do mar, historias descoñecidas que Xurxo Souto recupera e transmite con entusiasmo. Unha delas leva o nome dun mar, o de María Antonia, a muller que rexentaba unha tenda na Coruña e os mariñeiros homenaxearon incorporando aos seus topónimos mariños.